Luz verde ao contrato de seguridade e saúde no abastecemento a Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou fóra da orde do día o contrato de servizos para a coordinación de seguridade e saúde da obra “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso). Fase I”. O orzamento de execución por contrata ascende a 16.335 euros, IVE incluído.

O prazo de execución será o da execución das obras ata a súa recepción, contados a partir da formalización do contrato. O único criterio esixido é o prezo, adxudicándose o contrato á oferta económica máis baixa. Hai que lembrar que nestes momentos está aberto o proceso para adxudicar os traballos de “Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo: Anllóns-Bardoso”, con máis de 30 empresas optando á súa execución. O proxecto -elaborado en agosto de 2012 pola consultora Egis-Eyser SA- inclúe a execución dun novo depósito regulador de auga de 5.000 metros cúbicos en Seixo Branco, conectado co actual depósito de Paraíso.

Así mesmo, suporía a instalación dunha nova condución de 400 mm de diámetro de 1.630 metros de lonxitude dende este novo depósito de Seixo Branco ata o lugar de A Ponte de Bértoa. O orzamento previsto para a Fase I é de 1.153.754 euros (IVE engadido) e estes traballos están cofinanciados pola Unión Europea a través das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Entre os asuntos tratados durante a orde do día, hai que mencionar a aprobación das facturas incluídas nun recoñecemento extraxudicial de crédito -de realización obrigatoria en virtude da Lei de loita contra a morosidade- polo que se pagarán as facturas presentadas no Rexistro do Concello antes do 31 de decembro de 2012 e que por falta de tempo na súa tramitación ou polo esgotamento das partidas correspondentes non se puideron abonar antes do remate de 2012. O importe é de 37.287,36 euros e está previsto que comecen a pagarse a partir do martes 15 de xaneiro, despois da súa aprobación no pleno do 10 de xaneiro e da súa ratificación na Xunta de Goberno.

A sesión tamén incluíu a aprobación dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude para a realización da Cabalgata de Reis 2013. E por último, a Xunta de Goberno supuxo a aprobación de dous vaos permanentes, o cambio de titularidade doutros dous, a concesión de dúas licenzas de obra e de catro licenzas de obra e apertura (para un laboratorio de prótese dental, un almacén de material de construción, un despacho de pan e unha carpintaría de madeira en Cances).

15 de xaneiro de 2013 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.