Lalín e Fisterra promocionaranse conxuntamente na Volta Ciclista

Crespo mostrando a Indurain onde queda Lalín
O alcalde de Lalín, José Crespo, departiu na presentación da Volta Ciclista a España 2013 con diversos persoeiros como Carlos Núñez, Indurain ou Javier Guillén. “Fixen moitos contactos para sacarlle a máxima das rendibilidades a este importante evento”, dixo Agradece a Louzán as negociacións para que a Volta Ciclista a España 2013 pase por Lalín e tres concellos máis do Deza (Agolada, Vila de Cruces e Silleda)
O alcalde de Lalín, José Crespo, participou este mediodía en Vigo na presentación da Volta Ciclista a España 2013, que nesta 68º edición se desenvolverá do 24 de agosto ao 15 de decembro e que contempla, como xa anunciara o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a finais de decembro nun encontro cos medios de comunicación en Lalín, unha etapa “KM0 de Galicia-Cabo do Mundo”, a cuarta, que sairá de Lalín -o 27 de agosto- cara Fisterra.
Durante a presentación Crespo puido departir con persoeiros como o gaiteiro Carlos Núñez ou o que foi por cinco veces gañador do Tour de Francia e campión do mundo, Miguel Indurain “ao que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na miña presenza aproveitou para convidalo a visitar Lalín e a comer o mellor cocido do mundo”. “A Indurain expliqueille sobre un mapa de España onde quedaba Lalín, KMO de Galicia”, precisou o rexedor.
“Durante a presentación fixen moitos contactos, puiden conversar co alcalde de Fisterra, José Manuel Traba Fernández, e propúxenlle organizar conxuntamente de cara á etapa “KMO de Galicia-Cabo do Mundo” que nos une -etapa que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, denominou “Centro do Mundo e Cabo do Mundo”-, varios actos de promoción gastronómica-turística-deportiva, proposta á que accedeu gustoso”, remarca. “Deste xeito trátase de abrir unha nova porta á promoción turística, neste caso, entre Lalín e Fisterra, poñendo en valor as potencialidades e, sobre todo, as sinerxias que ofrece tanto o mar como o interior”, destaca.
Paso por catro Concellos Dezaos
“Por outra parte tamén estiven co director xeral de Unipublic, Javier Guillén; falamos da organización da etapa que sae de Lalín e quedou de vir ao noso municipio para ir avanzando na organización da etapa, unha etapa que ademais de por Lalín, pasará tamén por tres municipios dezaos: Agolada, Vila de Cruces e Silleda para chegar á Estrada, o que é unha moi boa noticia e que lla temos que agradecer ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, a quen lle suxerín a posibilidade de que a Volta puidera pasar por máis concellos que por Lalín”, fai fincapé.
“A Rafael Louzán había que facerlle un monumento porque Lalín por este asunto, do que estou convencido lle sacaremos moita renbilidade no Deza e en Lalín”, salienta. “Louzán é, sen dúbida, o máximo valedor da Volta Ciclista a España 2013”, incide.











