publicidade hoxe

Comezan a funcionar os contedores soterrados da Rúa Consuelo Agra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúaLocal
A-
A+
Área na que se instalaron os colectores

Área na que se instalaron os colectores

O Concello de Arzúa puxo en funcionamento estes días os contedores soterrados ubicados na Rúa Consuelo Agra, preto da residencia de maiores de Arzúa. O servizo inaugurado está incluído no programa de mellora acometido polo Goberno Municipal coa finalidade de dotar desta infraestructura ao maior número de rúas do municipio, a infraestructura contou cun orzamento de 30.000 euros, subvencionados mediante un programa de axudas da Deputación Provincial.

Os contedores soterrados poderán ser empregados dende agora polos veciños e veciñas residentes na zona. Tal e como explicaba esta mañá o alcalde de Arzúa, José Luis García, “os contedores soterrados son un elemento imprescindible para a mellora da calidade de vida dos veciños e un servizo fundamental para contribuir ao coidado do medio ambiente”.

Na rúa Consuelo Agra construíuse unha illa con dous novos contedores para orgánicos, un para vidro, outro para plásticos e un para cartón. Coa posta en funcionamento destes contedores soterrados, Arzúa conta xa con 8 illas deste tipo de contedores construídos polo goberno municipal no casco urbano de Arzúa nos últimos anos. De feito, son varias as rúas dotadas con este tipo de servizo; en concreto as rúas Neira Vilas, Juan Vidal, Padre Pardo, Baltasar Pardal, Luis Seoane, Castelao, a Rúa do Castro e dende hoxe a Rúa Consuelo Agra.

Aproveitando a posta en funcionamento destes novos contedores, o Goberno Municipal fixo público o seu agradecemento á colaboración dos veciños no bo uso que están facendo deste servizo, ao clasificar e separar os residuos segundo a súa natureza e ao deixalos no depósito correspondente para así contribuir a unha recollida óptima dos residuos. José Luis García, o alcalde, sinalou ademais que “este novo servizo converte ao Concello de Arzúa nun dos municipios galegos con máis infraestructura de contedores soterrados” e indicou que “a nosa vontade é seguir contribuíndo ao desenvolvemento deste tipo de iniciativas que sempre repercuten de xeito positivo na calidade de vida dos nosos veciños, que ao final é o que máis importa”.

15 de xaneiro de 2013 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.