Comezan os talleres de Técnicas de Estudo da Concellería de Educación
Unha nova edición dos talleres de Técnicas de Estudo postos en marcha pola Concellería de Educación comeza esta tarde coa participación de catro alumnos de primaria e dos seus respectivos pais ou nais. Os talleres, que se desenvolven os luns e mércores na Casa da Cultura do Grove, teñen como obxectivo preparar o alumnado para superar con éxito o curso escolar.
Os talleres son gratuítos e están destinados para o alumnado de 3.º ciclo de primaria e para o da ESO. Desenvólvense en grupos de catro alumnos, tendo en conta os cursos, cos seus respectivos pais. Impártese na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey os luns e mércores, de 17.00 a 18.30 horas.
Con este programa, desde a Concellería de Educación preténdese mellorar os hábitos de estudo e o rendemento académico dos e das estudantes, pero tamén implicar os pais e as nais. Así, mentres o alumnado recibe unha maior motivación cara ao estudo, mellorando o seu rendemento escolar e traballando aspectos de prevención ante o fracaso e o absentismo escolar, os pais e as nais coñecen cales son os hábitos e as técnicas que debe mellorar o alumnado nas súas casas durante o tempo de estudo.
Durante as sete sesións que conforman cada taller de Técnicas de Estudo, traballaranse aspectos como a atención selectiva, a atención mantida, o autocontrol mediante autoinstrucións, a memoria, neutralizar elementos distractores, resolución de problemas nos exercicios e bloqueos nos exames.
Desde a Concellería de Educación infórmase que aínda quedan prazas dispoñibles para organizar novos grupos. As inscricións pódense facer na propia biblioteca municipal.
Campaña contra o absentismo escolar
Os talleres de técnicas de estudo súmanse a un paquete de actuacións postas en marcha co obxectivo de mellorar o rendemento académico do alumnado e reducir o absentismo e abandono escolar. Así, ademais desta actividade, puxéronse en marcha dúas campañas de sensibilización e información sobre o abandono escolar e para fomentar o retorno educativo, dirixidas ao alumnado de ensinanza secundaria obrigatoria e para as persoas que teñen sen rematar os estudos obrigatorios. As campañas, que teñen como lemas “Non quedes fóra” e “Para ti tamén hai sitio” xa están presentes nos centros educativos de secundaria do Grove e en instalacións municipais, deportivas e culturais. Os obxectivos son previr que a mocidade deixe os estudos e fomentar o retorno educativo para aquelas persoas que queiran seguir formándose, informando de todos os recursos educativos existentes.
Inclusión escolar
Outra das iniciativas postas en marcha pola Concellería de Educación neste eido é o programa gratuíto Inclusión Escolar, destinado ao alumnado da ESO. A través deste programa, preténdese ofrecerlle unha alternativa ao alumnado ante a súa expulsión do centro, evitando que a expulsión se converta nunha oportunidade para pasar a mañá só na súa casa. Durante unha sesión, que se desenvolve na Casa da Cultura do Grove ou de San Vicente, inténtase motivar o alumno expulsado cara ao estudo e aos hábitos adecuados, para non concorrer nunha nova expulsión do centro. Neste caso, a solicitude faríase en colaboración co propio centro e coa autorización dos pais.
Como medida de prevención do absentismo escolar, tamén se lles propón aos centros escolares comezaren a traballar co alumnado de educación infantil. Aproveitando parte das clases de plástica e expresión artística, a actividade proposta consiste na realización dun tren de grandes dimensións que constaría de dez vagóns que representarían os meses de outubro a xuño. As fotografías dos alumnos que non faltaran á clase “soben” ao vagón correspondente. Estas imaxes permanecen expostas á vista de pais, profesores e compañeiros, e ao finalizar o mes entregaríaselles un diploma de honor aos nenos e nenas que asisten con regularidade ou que aumentasen a súa regularidade na asistencia escolar.
Tanto o programa de inclusión escolar como a actividade “Sube ao vagón do tren” están incluídas na guía municipal O Grove Educa, que recentemente se lles presentou a todos os colexios e institutos do concello, así como ás asociacións de nais e pais do alumnado.











