Belén do Campo mantén un encontro co alcalde de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNeda
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo o pasado venres unha reunión de traballo co alcalde de Neda, Ignacio Cabezón, no que analizaron as posibilidades de mellora do servizo de Transporte Metropolitano ao seu paso polo municipio. O rexedor solicitoulle ao departamento autonómico unha revisión dos horarios e frecuencias e a remodelación dos itinerarios dos autobuses que dan cobertura ao concello, co fin de facilitar o acceso ao transporte dun maior número de persoas e de optimizar a súa adaptación ás necesidades dos usuarios.

Do Campo, pola súa banda, aseguroulle ao primeiro edil que nos vindeiros días trasladará esta petición á Dirección Xeral de Mobilidade para avanzar na súa tramitación. Así, resaltou a vontade de colaboración do Goberno galego cos concellos no desenvolvemento do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que supón unha clara aposta polo fomento da mobilidade sostible.

A delegada territorial e o alcalde aproveitaron o encontro para abordar tamén outros asuntos de interese para o municipio. Cabezón, desta forma, presentoulle a proposta do concello para conseguir que a Festa do Pan de Neda sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego, ao tratarse dunha cita que se celebra anualmente con éxito de público e grande repercusión. A petición coincide coa conmemoración no 2013 do 25 aniversario da celebración.

Na mesma liña, a representante do Executivo autonómico na provincia e o rexedor estudaron o estado no que se encontran os trámites sobre a cesión do centro de saúde do municipio por parte do concello á Consellería de Sanidade e do informe de Patrimonio pertinente para permitir a instalación dunha gardería nun edificio catalogado da localidade.

No transcurso da reunión, Do Campo comprometeuse a traballar intensamente para atender estas as propostas no menor prazo de tempo posible. Tamén lle expresou ao primeiro edil “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” con fin de obter a coordinación necesaria coa administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar a calidade de vida dos habitantes de Neda.

O de onte foi un encontro institucional enmarcado na rolda de contactos que realiza a delegada territorial de forma periódica cos rexedores para coñecer de primeira man a realidade dos concellos e poder atender da mellor forma as súas necesidades.

15 de xaneiro de 2013 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.