Baltar valora a inversión no Parque Tecnolóxico de Galicia

Visita do Conselleiro de Industria
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, saudou “moi positivamente” a “aposta firme” da Xunta de Galicia, e sinaladamente da
Consellería de Economía e Industria, polo Parque Tecnolóxico de Galicia, tralo anuncio feito hoxe polo novo titular de Industria, Francisco Conde, de que nos orzamentos deste ano 2013 aprobarase unha contía de máis de 1,5 millóns de euros para a tecnópole para a culminación da primeira fase da ampliación do recinto tecnolóxico e para o desenvolvemento de diferentes actividades no eido da innovación. “Unha aposta –dixo o conselleiro- moi significativa, que marca unha prioridade moi clara por Ourense, por este parque tecnolóxico, polo empredemento e pola I+D”.
Na súa primeira visita a Ourense e ao recinto tecnolóxico Francisco Conde tamén loubou a colaboración entre os diferentes estamentos públicos e privados, para que o proxecto e as iniciativas do Parque Tecnolóxico sigan adiante no eido da innovación, da transferencia tecnolóxica e do desenvolvemento tecnolóxico.
Por outra banda, a preguntas dos xornalistas o presidente da Deputación fixo unha valoración sobre o procedemento xurisdicional a José
Luís Baltar, apelando ao respecto á presunción de inocencia e ao procedemento xudicial, “uns principios que todos, sen excepción, deberíamos seguir para fornecer o estado de Dereito”. Asemade, Manuel Baltar ofreceu “a máxima colaboración da Deputación de Ourense coa administración de xustiza na remisión de documentación para clarexar calquera dúbida con total transparencia, que é o que corresponde nun procedemento como este, e deixar que actúen os órganos xurisdicionais”.











