Baltar reúnese con alcaldes de Ourense e Puebla de Sanabria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

Instante da reunión

O presidente provincial comprometeuse a facer xestións para que sexa reconsiderada esa decisión, e anunciou a presentación dunha moción no vindeiro pleno da Deputación.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos alcaldes de Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Paderne e Taboadela, quen lle expuxeron a súa preocupación polo anuncio da supresión do servizo ferroviario entre Ourense e Puebla de Sanabria.

Na xuntanza, Baltar explicoulles que dita decisión forma parte da aprobación, onte, no Consello de Ministros, do “Plan de racionalización dos servizos de transporte ferroviario de viaxeiros de media distancia”, que declara como obriga de servizo público todas as relacións ferroviarias cun aproveitamento superior ao 15 %.

Como consecuencia de dito plan mantense a conexión Santiago-Carballiño-Ourense e tamén, aínda que non chegan a ese 15 %, a de Ourense-Vigo (11,7 %) e a de Vigo-Ourense-Monforte-Ponferrada (12,9 %). No caso de Ourense-Puebla de Sanabria trátase dun servizo que non chega aos nove mil viaxeiros ao ano, investindo o erario público 371 euros por usuario, cando o viaxeiro paga 11,90 euros polo billete.

Os alcaldes solicitáronlle ao presidente da Deputación de Ourense que faga chegar aos responsables de Fomento a súa preocupación e o seu rexeitamento da medida, así como a petición de reconsideración da mesma, polos efectos negativos que pode traer para todos os concellos da provincia por onde pasa esa liña ferroviaria: A Mezquita, A Gudiña, Vilariño de Conso, Castrelo do Val, Verín, Laza, Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Paderne de Allariz e Taboadela. Coinciden os rexedores en afirmar que e evidente o impacto desta medida no illamento e na incomunicación destas poboacións, que perderán un servizo público esencial como o transporte.

Baltar comprometeuse a trasladar aos responsables de Fomento as reivindicacións e preocupacións dos alcaldes, así como a solicitude de reconsideración da medida. Na reunión tamén acordouse a presentación, tanto nos plenos dos concellos afectados como na corporación provincial, de mocións que reflictan o posicionamento político tanto das entidades locais como da corporación provincial diante deste escenario adverso para o transporte ferroviario na provincia de Ourense.

2 de xaneiro de 2013 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.