Arranca o XV Mes do Cocido de Lalín con 23 establecementos adheridos
O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, presentou en rolda de prensa o Mes do Cocido, acompañado dos establecementos adheridos ao “Cocido de Lalín, Compromiso de Calidade” co que se busca dar un paso máis para alcanzar a excelencia neste prato como motor da economía
O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, presentou hoxe a XV edición do Mes do Cocido que este ano levará como distintivo o “Compromiso de Calidade” do Cocido de Lalín e co que se trata de dar un paso máis cara á excelencia neste prato como motor da economía, ademais de como atractivo turístico e distintivo de Lalín máis alá de fronteiras. Nel participarán 23 establecementos adheridos aos que Rodríguez animou a actuar en conxunto para sacarlle o máximo proveito ao Cocido de Lalín, feito con produtos de primeira calidade nos que nesta edición se busca a marca da excelencia para o que se farán un proceso de avaliación do prato en cada un dos restaurantes participantes.
José Antonio Rodríguez tamén aproveitou a rolda de prensa para presentar o pin inspirado no deseño orixinal do cartelista, Vidal Souto, e anunciou algúns dos eventos que proximamente se desenvolverán en torno á XLV Feira do Cocido, Festa de Interese Turístico Nacional:
– 15 de xaneiro. 19.00 horas. Espazo Cultural do Concello. Por Nacho Costoya. Campión Nacional de España de Xefes de Sala e 8º no Campionato Mundial de Tokio. José Antonio Rodríguez indicoulle a cada un dos 23 establecementos adheridos que era unha cata para os seus clientes, de xeito que cada un dos hostaleiros achegue un grupo de entre 5 e 7 clientes para participar nela.
– 17 de xaneiro. 12.30 horas. Centro Galego de Barcelona. Presentación da XLV Feira do Cocido. Estarán altos cargos da Xunta de Galicia e outros. Trátase, segundo Rodríguez, de darlle a maior proxección mediática á Feira.
-22 de xaneiro. 9.00 horas. Diante do Concello. Sairá un autobús con destino ao Val de Monterrei. O edil de Turismo explicou que se habilitará un autobús para que cada un dos 23 establecementos asociados poidan visitar ao longo do día un lagar ao Castelo de Monterrei, un lagar románico da zona e visitar dúas bodegas do Val de Monterrei. A volta está prevista sobre as 20.00 horas.
Así mesmo José Antonio Rodríguez dixo que está aberta a posibilidade de poder instalar unha carpa na Praza da Igrexa con produtos promocionais do Cocido, produtos locais -só habería de fóra un stand de Cabeceiras de Bastos, localidade portuguesa coa que estamos irmanados-, pero que dependerá da resposta que dean os produtores (dixo que se coñecería a vindeira semana).











