Aberto o prazo para a inscrición nos cursos Celga 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalRedondela
A-
A+

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para solicitar cursos de lingua galega para persoas adultas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de publicar a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis CELGA 1, CELGA 2, CELGA 3 e CELGA 4, para particulares e colectivos de Galicia (DOG núm. 4, do 7 de xaneiro de 2013)

Para tentar organizar algún destes cursos no noso concello, O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela anima a todas aquelas persoas interesadas que se dirixan ao SNL a través do enderezo electrónico normalizacion@redondela.info ou do teléfono 986 400300, para consultar cantas dúbidas teñan a este respecto e para realizar a súa inscrición.

O prazo para facer as solicitudes para Redondela remata o 23 de xaneiro, e na petición deberán constar os seguintes datos: nome completo, DNI, número de teléfono de contacto, curso CELGA que desexan facer e parroquia onde residen.

A celebración destes cursos en Redondela dependerá de que haxa un número suficiente de solicitudes, polo que dende o SNL anímase a toda a cidadanía que queira mellorar a súa competencia en lingua galega a que solicite esta actividade formativa. Os cursos son de acceso libre e gratuíto, e desenvolveranse entre mediados de marzo e o 30 de maio, nos horarios que mellor conveñan á maioría das persoas inscritas.

Tamén existe a posibilidade de asistir a algún dos cursos de programación directa, convocados xa para Vigo e Pontevedra, para os que haberá que facer unha solicitude individual (segundo o anexo I da convocatoria). E se algún colectivo ou asociación quere solicitar un curso para un grupo de persoas (entre 20 e 30) deberá cubrir a solicitude correspondente ao anexo II.

O texto íntegro da convocatoria pódese consultar na seguinte ligazón:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130107/AnuncioG0164-020113-0001_gl.pdf

Para máis información poden contactar co SNL, no primeiro andar da Casa do Concello (Rúa Alfonso XII, 2), ou no teléfono 986 400300 (Ext. 247).

14 de xaneiro de 2013 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.