A depuradora de Porto do Son tratará as augas de Tarrío, Orellán e Penas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá a nova estación depuradora de Porto de Son, sita na estrada de Ínsua a Orellán. No acto, estivo acompañado polo alcalde do municipio, José Luis Oujo, que salientou a importancia da nova construción que “dará servizo aos núcleos de Tarrío, Orellán e Penas da parroquia de Baroña”.

Esta depuradora, que leva quince días de funcionamento en probas e que comeza hoxe a súa posta en marcha, dará servizo a 96 vivendas e 250 veciños. A súa construción pertence a un proxecto incluído no plan provincial de mellora dos sistemas de saneamento de augas residuais nos pequenos núcleos de poboación. Para esta actuación concreta a institución provincial investiu de máis de 100.000 euros.

A infraestrutura está preparada para tratar e pretratar as augas e consta dun pozo de bombeo, tamizado, desarenador-desengrador aireado e un tratamento secundario consistente nunha unidade de biodisco e un decantador lamelar. Ademais destas características técnicas, a construción do sistema está baseada en puntos de caída en non en bombeo, precisando dun custe de mantemento máis reducido e optimizando os recursos dispoñibles.

É a primeira ferramenta deste tipo no concello de Porto do Son, cuxa estrutura será a mestra para as próximas depuradoras que vaian a realizar nos próximos anos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Despois da visita, Diego Calvo quixo transmitir ao concello de Porto do Son e os seus veciños a súa noraboa pola valente aposta de mellorar o saneamento do municipio e recordou ao seu alcalde que contan e contarán co apoio da institución provincial neste obxectivo.

“A Deputación sempre vai estar aí para axudar a levar a cabo proxectos coma este: sostibles, respectuosos co medio ambiente e feitos de tal forma que non supoña un gran custe de mantemento para o concello e, por tanto, tampouco para os seus veciños. Esta depuradora non só é precisa, senón que tamén é viable e facilitará a vida de moitos veciños deste concello”, explicou o presidente.

Pola súa banda, o rexedor da localidade, José Luis Oujo, calificou esta actuación de “moi positiva” e recordou que o seu compromiso é que ao remate do mandato o 80% do concello estea saneado. “Somos un concello cun potencial turístico enorme que temos que coidar e esta depuradora é unha solución para moitos problemas que tiñan os veciños destes núcleos de poboación que supuxeron, en moitos casos, a casos de contaminación” insistiu Oujo.

3 de xaneiro de 2013 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.