A campaña de Nadal pechará coa participación de 8.000 nenos
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá a carpa sita na Alameda do concello de Noia con motivo da Campaña de Nadal do comercio local promovida pola Federación de Empresarios do Barbanza (FEB) e que contou coa colaboración da institución provincial. Na visita estivo acompañado polo presidente da FEB, membros das asociacións pertencentes á federación e alcaldes dos concellos da comarca.
Máis de 500 establecementos dos doce concellos da comarca colaboraron, co apoio da Deputación, para levar a cabo por primeira vez unha iniciativa conxunta. A institución provincial investiu 80.000 euros nesta campaña do comercio local que beneficia a máis de 130.000 habitantes e que ten coma obxectivo a dinamización do comercio local en doce concellos da bisbarra.
As previsións, a dous días de que remate a campaña, cifran en oito mil nenos e nenas da comarca do Barbanza os participantes nas actividades das carpas. Estas estiveron nos últimos días nos concellos de Ribeira, Rianxo, Rois, Dodro, Padrón, Porto do Son, a Pobra, Muros, Lousame e Outes e seguirán hoxe e mañá en Noia e Boiro.
“O comercio, e máis o local, está pasando por momentos difíciles. A colaboración é básica, por iso, quero felicitar aos 500 comerciantes que participaron nesta iniciativa pola súa apertura de miras. Esta é a primeira campaña común que fan, pero estou seguro de que non é máis que o primeiro paso dos moitos que daredes en conxunto”, asegurou o presidente da Deputación.
Pola súa banda, o presidente da FEB, José Ramón Romero, mostrouse moi satisfeito polo xeito no que está funcionando a nova fórmula de promoción do comercio da bisbarra e non descartou repetir a iniciativa en próximas campañas.











