A Cabalgata percorrerá as principais rúas do casco urbano de Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

Cargadas de caramelos, as carrozas das súas Maxestades de Oriente partirán da estación de autobuses ás 17 horas e, tras o itinerario previsto, recollerán as cartas e atenderán as peticións dos máis pequenos no Auditorio Municipal

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán a vila de Cedeira o próximo sábado, 5 de xaneiro. Unhas horas antes de iniciar o reparto de agasallos polas casas de todo o mundo. Cargados con milleiros de caramelos, chegarán nas súas carrozas á estación de autobuses do municipio en torno ás cinco da tarde e, dende alí, comezarán un percorrido polas principais rúas da vila acompañados dos seus paxes. Coa música das panxoliñas de fondo, o itinerario levaráos pola Avenida de Castelao, ponte vella, rúa Ezequiel López, ponte nova… ata chegar ao Auditorio Municipal.

Nestas instalacións, ocuparán os seus tronos para recoller as cartas e atender as peticións de agasallos dos nenos e non tan nenos. A Asociación de Amas de Casa de Cedeira, que organiza a Cabalgata de Reis coa colaboración do Concello, invita a todos os nenos e nenas a acudir coas súas familias a esta cita tan especial con Melchor, Gaspar e Baltasar.

2 de xaneiro de 2013 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.