A apertura do Arquivo Militar recupera un edificio emblemático

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, participou o psado xoves, día 10 de xaneiro, na inauguración da nova sede do Arquivo Naval, situada no edificio da antiga Capitanía Marítima. O almirante xefe do Arsenal Militar, Manuel Garat Caramé, e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, entre outras personalidades civís e militares, participaron na apertura destas instalacións, que albergan diversos expedientes e documentos da Armada Española dende o século XVIII até os nosos días.

Rey Varela quixo, en primeiro lugar, “felicitar á Armada, ao almirante xefe do Arsenal Militar e a todas as persoas que teñen conseguido o obxectivo de poñer de novo en valor e en uso un edificio que é emblemático tanto para a Armada como para todos os ferroláns e que está situado nun entorno privilexiado da cidade”. O rexedor municipal subliñou, así mesmo, a importancia que ten para Ferrol a rehabilitación da antiga Capitanía e o seu aproveitamento como Arquivo Militar, ao tempo que avogou por continuar “coa mesma vontade de colaboración e entendemento entre o Concello de Ferrol e a Armada”.

No Arquivo Militar están depositados documentos xerados pola Armada Española ao longo dos últimos tres séculos: informes sobre buques e a súa construción, expedientes de altos mandos militares, naufraxios, etc. A Sala de Investigación e Consultas estará aberta en horario de mañá, e tamén se poderán facer as consultas a través de correo electrónico.

14 de xaneiro de 2013 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.