Apertura do prazo para apuntarse nas Tardes Naturais de Nadal
A concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, organiza durante os días 2, 3 e 4 de xaneiro un programa de actividades para os nenos e nenas de 6 a 14 anos que se denomina Tardes Naturais de Nadal. Este programa é unha iniciativa que lle dá continuidade ás Tardes ao Natural que se desenvolveron durante o mes de xullo pasado. Tralo éxito de participación que se produciu na época estival, agora volven as trades naturais de Nadal con todo tipo de obradoiros ambientais e xogos de interior. O Concello habilitará un servizo de autobús para trasladar os e as participantes con paradas en Bertamiráns e no Milladoiro. O campamento terá un custe de 15 euros. Para participar neste programa de actividades é preciso estar inscrito/a. Ofértanse un total de 36 prazas.
A Concellaría de Medio Ambiente deseñou un programa de actividades pensado para as tardes de parte do mes de xaneiro, que ocupen o tempo de lecer dos nenos e nenas durante as vacacións de Nadal. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio, que se levará a cabo os días 2, 3 e 4 de xaneiro e na que poden participar rapaces de entre 6 e 14 anos. O Concello pon en marcha este programa, chamado Tardes Naturais de Nadal, que lle dá continuidade á iniciativa Tardes ao Natural que se desenvolveu durante o mes de xullo e que tivo un gran éxito de participación.
Estas actividades desenvolverase na Aula da Natureza en horario de 16:00 a 20:00 horas. Os rapaces e rapazas participarán en diferentes obradoiros ambientais e xogos de interior. Deste xeito, elaborarán doces de Nadal (polvoróns e mazapáns), farán un mural de Nadal con materiais naturais, confeccionarán unha bandexa onde poderán deixarlle doces aos Reis Magos, etc. Tamén haberá obradoiros de teares, de maquillaxe e un pequeno campionato de xogos de mesa. Ademais, desenvolveranse varios xogos musicais onde se terá en conta a idade dos participantes.
Para facilitar a asistencia dos rapaces e prestar unha maior comodidade aos pais e nais, o Concello habilitará un servizo de autobuses que trasladará os participantes ata a Aula da Natureza e os levará de volta ao finalizar as actividades. Estableceranse dúas paradas: en Bertamiráns e no Milladoiro.
Proceso de inscrición
Esta actividade ten un custo de 15 euros. Ofrécense un total de 36 prazas. A matrícula realizarase cubrindo unha instancia xeral e presentándoa no Rexistro Xeral, acompañada do resgardo do correspondente abono bancario que hai que efectuar no número de conta 2080 5215 38 304 0000054 de Nova Galicia Banco.
Para ampliar esta información poden poñerse en contacto coa Aula da Natureza a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665 ou coa Concellaría de Medio Ambiente enviando un correo electrónico á dirección medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.











