30 restauradores asisten á reunión para organizar o Mes do Cocido

Os hostaleiros e concelleiros reuníronse por espazo de tres horas
O concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, mantivo esta tarde a primeiras das reunións preparatorias para a organización do XV Mes do Cocido que se celebrará do 15 de xaneiro ao 14 de febreiro na que participaron preto de unha trintena de representantes de outros tantos establecementos de restauración lalinense.
Rodríguez transmiteulle aos restauradores a “inquedanza por seguir a loitar para ofertar aos clientes e visitantes a mellor calidade posible a hora de servir o cocido e que dende o sector hostaleiro haia un compromiso decidido para coa calidade do prato para respectar a imaxe de marca que ten o Cocido “. Dun xeito gráfico, o edil destacou que “ninguén chega á Lalín a comer o cocido e se queixa do prezo, pero si hai visitantes que se queixan de que a calidade non cumpre as espectativas que se crean ao achegarse a probar o renomeado prato”.
Conforme hai hosteleiros que “están a cumprir co compromiso de ofrecer a mellor calidade posible aos visitantes e eso temos que recoñecelo, hai outros que están lonxe dunha calidade mínima esixible e pouco diferenciable do menú do día”. Aqueles que están a cumprir con ese compromiso, porque non todos so iguais, “teñen que obter o pertintente recoñecemento e a distinción dos que non fan unha aposta polo cocido”.
En función a esta situación de desigualdades e “en beneficio da feira”, o concelleiro plantexou aos hostaleiros a posibilidade “de dar unha nova volta de torca ao control de calidade. Avanzar cara a un regulamento que marque unhas liñas de obrigado cumplimento cara ao cliente e un sistema de control, que amplie as esixencias que o ano pasado marcou o decálogo e que sirvan para garantir a mellor atención ao cliente e o poder ofrecer o mellor cocido posible”.
Os hostaleiros prantexaron de inicio que “unha das cousas que hai que diferenciar é que teñen que aclarar tanto os restauradores como os clientes aos que llos sirven é que non se pode confundir un cocido menú con un Cocido de Lalín completo e ben servido. A calidade non é a mesma e o prezo non é o mesmo” pero hai ocasións en que se confunden e acaban xurdindo queixas “cando pediron e pagaron un cocido de menú e queren que se lle sirva un Cocido completo ou o que é peor cando pagan un cocido de Lalín e se lle pon un cocido de menú”. O edil ao fío de elo puntualizou que “no Mes do Cocido poden participar os que queiran, e os que non o fagan non quere dicir que non poñerán Cocido de Lalín nin que este será peor, simple e llanamente implicará que non están a cumprir os parámetros do evento nin estarán dentro da promoción da celebración”.
GARANTIR MÍNIMOS DE CALIDADE
No reglamento presentado polo edil, prantexáronse dúas partes, unha de obrigado cumprimento, que “permitirían marcar e garantir uns mínimos de calidade” e unha de cumprimento recomendado que permitiría “aumentar a calidade do servizo e do prato que se presenta ao cliente”. O obxectivo que permitiría o “devandito regulamento sería o de protexer e garantir o futuro dun prato e dunha festa que atrae visitantes e permite incrementar o valor engadido de moitos negocios de hostalería e de empresas transformadoras”.
O edil explicou que “o regulamento se encargará de xestionalo o Concello de Lalín e os propios hostaleiros participantes neste primeiro ano e nos vindeiros ser directamente os hostaleiros participantes os que se encargarían de darlle vida e continuidade a estas pautas de garantía da marca Cocido polo ben deste evento e do prato”. Uns hostaleiros que “constituirían on órgano de xestión para supervisar o seguimento do regulamento”.
O edil anunciou tamén que “son varias as adegas que se interesaron en patrocinar o Cocido e estase a pechar cal será o viño ou a denominación de orixe. A diferencia co ano anterior e que en vez de estar enriba da mesa estarán colocados nun bodegón nunha situación visible dentro do restaurante”.
PROCESO DE CONTROL
Con respecto ao sitema de control, o edil anunciou a “posta en marcha do sistema de control con clientes anónimos que se encargaran de cubrir unha ficha para avaliar a satisfacción do cliente. No sistema de control tamén se incluirán unhas enquisas que estarán en todos os restaurantes para que todos os clientes do Mes do Cocido poidan dar a súa opinión de satisfacción e con elo elaborar un diagnóstico co que decidir o ano seguinte os que portarán as distincións de restaurantes recomendados”. As enquisas do clientes serán os que “teñan un maior peso na decisión”.
A reunión celebrada hoxe terá continuidade o vindeiro luns 17 de decembro, á 17:00 horas, cando os hostaleiros “decidirán as cláusulas que se incorporen finalmente ao regulamento e aqueles establecementos que participarán no Mes do Cocido”. Nesta reunión, os hostaleiros que participen definitivamente no Mes do Cocido deberán presentar cuberta a ficha de solicitude de incorporación nas que acepten as condicións establecidas no regulamento e fixado o prezo do Cocido de Lalín servido con viño da casa e cumprindo os parámetros acordados.











