Un Mercedes… de pau

Vista do coche de madeira
O recibidor da casa da Cultura converteuse por uns días nun garaxe improvisado para un hóspede especial. Ata o 30 deste mes podemos ver alí unha réplica a escala case real dun Mercedes-Benz roadster do ano 1935. Só se diferencia do orixinal en dúas cousas: no tamaño -lixeiramente menor- e en que está feito enteiramente de madeira. É obra do artesán valdoviñés Carlos Lamas e no mesmo espazo tamén podemos ver outras tallas súas.
De todo o exposto o máis rechamante é o coche. A súa construción levoulles centos de horas a Carlos Lamas e Francisco Loureiro e tomaron como referenza un modelo real de coleccionista. O vehículo é unha réplica exacta dun Mercedes Benz 500 K roadster, un biplaza convertible fabricado en Alemaña entre 1934 e 1936. Tiña un motor de 8 cilindros e máis de 5.000 centímetros cúbicos.
Houbo distintas preparacións coas que podía chegar a render 160 cabalos. Unha potencia escasa para os estándares de hoxe que non lle quita ao Mercedes o título de ser un dos vehículos históricos máis cobizados. Del só saíron á rúa pouco máis de 350 unidades nos seus dous anos de produción.
En 2007 a réplica de Lamas e Loureiro converteuse na sensación da baixada de carrilanas en San Mamede, en Valdoviño, por causa do nivel de detalle alcanzado na súa manufactura e porque, ademais, o coche anda -e moito- costa abaixo. É, seguramente, a carrilana máis luxosa que existe en Galicia e toda, mesmo os radios da roda de reposto e os eixos, está feita con distintas madeiras recicladas.
Podemos ver esta xoia da artesanía ata o 30 de decembro na casa da Cultura rodeada por outras obras de Carlos Lamas.











