Ribadumia súmase este domingo ao mercado tradicional de Pontearnelas
Ribadumia súmase este domingo ao Mercado Tradicional de Pontearnelas que se inaugurou o pasado 2 de decembro na zona de Vilanova de Arousa. Deste xeito, 72 postos de venda situaranse na parte ribadumiense, entre a Ponte dos Padriños e a rotonda da Ponte de Santa Marta. O Concello de Ribadumia colabora deste xeito coa comisión de Festas de Santa Marta, co obxectivo é recuperar a importante actividade comercial que se rexistrou en Pontearnelas entre finais do século XIX e principios do XX.
Ademais, este mercado tradicional permitirá dinamizar economicamente esta zona e seguir potenciándoa como atractivo turístico. Na zona de Ribadumia poderanse atopar postos de venda de todo tipo de produtos, desde alimentación, ata roupa, mobles ou artesanía.
O mercado organízase o primeiro e terceiro domingo de cada mes, de 9.00 a 18.00 horas, evitando así que coincida con outras citas da comarca. Así, a alcaldesa Salomé Peña anima a todos os veciños de Ribadumia de disfrutar este domingo do Mercado Tradicional de Pontearnelas, tanto da diversidade de postos que poderán atopar no lugar, como do seu paraxe e a súa paisaxe. Recorda, neste sentido, o “impulso” que nos últimos anos se lle deu a este lugar, coa recuperación da Ponte dos Padriños, a creación da senda fluvial, a construción da nova Ponte de Santa Marta ou a Feira do Peregrino.











