Reunión do Consorcio de Augas de Valdeorras
Na Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, tivo lugar a sesión extraordinaria da asamblea do Consorcio de Augas de Valdeorras, presidida polo titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que incluiu na orde do día os seguintes asuntos: Aprobación da acta anterior do día 20 de novembro de 2012, Acordo sobre o modo de xestión dos servizos consorciados, e a aprobación inicial do orzamento do consorcio para o exercicio 2013.
O obxectivo principal do consorcio é a ordenación e xestión, por delegación dos concellos que o integran, dun servizo intermunicipal de depuración de augas residuais, que comprenderá o exercicio de todas as competencias municipais na materia para a totalidade dos termos municipais de referencia. O ámbito material do servizo abarca a depuración de todas as augas residuais que se verten ás actuais infraestruturas municipais de depuración a través das correspondentes redes públicas de saneamento, así como a depuración das augas residuais que se reciban nas fosas sépticas de titularidade municipal, así como a depuración das augas residuais que se xestionan a través das infraestruturas que, no exercicio das competencias delegadas, poida crear o consorcio no futuro.
Tamén asume as competencias municipais en materia de policía de vertidos de augas ás infraestruturas de depuración, incluíndo o exercicio de todas as facultades de vixilancia, inspección e control.
O Consorcio, que ten a súa sede social no Concello do Barco de Valdeorras, xestiona o servizo de depuración de augas residuais dos preto de 28.000 habitantes dos concellos da comarca de Valdeorras. A prestación deste servizo integral implica unha mellor garantía ambiental para os ríos da comarca, o que beneficia aos ecosistemas e a todos os usos da auga, como o de abastecemento. Ademais, supón a asunción da responsabilidade do mantemento das instalacións de depuración e o seu seguimento ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, así como unha maior sostibilidade económica, financeira e institucional na xestión.











