publicidade hoxe

Ponteareas acolle os partidos da Liga Nacional de Bádminton

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalPonteareas
A-
A+

O alcalde Salvador González Solla, acompañado polo concelleiro de Deportes, Alberto Novoa Iglesias; a secretaria do Club Bádminton As Neves, Ana Durán e o xogador máis veterano do antedito club, Pablo Méndez, presidiu no Salón de Plenos da Casa Consistorial ponteareá a presentación da 3ª e 4ª xornada da Liga Nacional de Clubs de Bádminton que terá lugar esta vindeira semana no complexo deportivo municipal “Álvaro Pino” de Ponteareas.

Salvador González Solla, salientou a importancia que ten, para Ponteareas, acoller un evento desta categoría que amosa, “unha vez máis, que este municipio está preparado para organizar calquera tipo de actividade deportiva, independemente da súa categoría como neste caso, un evento de importancia nacional como é a Liga Nacional de Bádminton” e fixo unha invitación a todos os amantes do deporte de alto nivel, a acudir ao pavillón de Ponteareas “onde se dan cita os mellores clubs de España de Bádminton”.

Pola súa banda, Alberto Novoa, logo de felicitar ao club Bádminton As Neves pola súa traxectoria que o mantén nos primeiros postos da táboa logo das súas vitorias obtidas na primeira e segunda xornada de liga, destacou que, a maiores do que deportivamente poida supoñer este evento “supón tamén un grande beneficio para o sector da hostalaría, xa que estamos a falar de preto máis de 250 persoas aos que hai que engadir os afeccionados que se darán cita nesta vila durante toda a fin de semana”.

En total, salientaba a secretaria do Club Bádminton As Neves, Ana Durán, “serán un total de 16 equipos os que se dean cita esta fin de semana en Ponteareas”. En concreto, os equipos participantes serán o CB Benalmádena B (Málaga), CD Los Colegiales (Málaga), CB IES La Orden B (Huelva), Mercapinturas Almería, Soderinsa Rinconada B (Sevilla), Jorge Guillén (Málaga), CB Arjonilla (Jaén), CB Estella (Navarra), AD Arryo Tejada (Madrid), Colegio Parque (Madrid), CDE Bádminton Leganés (Madrid), Ayuda en Acción (Granollers), Bádminton Huesca B, CB Palma, Thebes Reale de A Estrada y el anfitrión CB As Neves.

Os equipos participantes disputarán, entre o sábado e o domingo, tres encontros que no caso do Club Bádminton as neves, os enfrontarán o sábado ao CB Palma e ao Sororinsa Rinconada B, e o domingo ao CB Arjonilla. Polo tanto, tal e como se sinalaba na presentación desta terceira e cuarta xornada de liga, o equipo das Neves tentará conseguir tres victorias xogando na casa, que lle permitan seguir nos postos altos da clasificación.

Finalmente, do alto nivel desta competición da boa conta que algún dos equipos chega a Ponteareas con xogadores estranxeiros que forman parte das súas respectivas seleccións nacionais. Para os afeccionados ao deporte de alto nivel, lembrarlles que os encontros disputaránse o sábado entre as 12:00 horas e as 20:00 horas e o domingo entre as 09:00 horas e as 12:30 horas.

17 de decembro de 2012 | 12:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.