Os rapaces demostran os seus coñecementos en aforro enerxético

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

A enerxía é un recurso limitado e hai que utilizala dun xeito responsable. Co gallo da proclamación por parte das Nacións Unidas de 2012 como Ano Internacional da Enerxía Sostible para Todos, a Concellería de Educación puxo en marcha un programa educativo que hoxe concluíu coa xornada de clausura no Teatro Principal.

Ata alí desprazáronse os 483 nenos e nenas, alumnos de Primeiro e Segundo de Primaria de 12 colexios públicos, que durante as últimas semanas traballaron fabricando xoguetes solares, aprenderon a realizar unha auditoría enerxética e adquiriron compromisos e as boas prácticas para poñer en práctica nas instalacións do seu propio colexio.

O programa de hoxe comezou coa inauguración oficial, a cargo do concelleiro de Educación, Agustín Fernández.

A continuación realizouse unha posta en común dos resultados por parte de cada centro participante.

Olalla González, contadora, e Marc Taeger, ilustrador especializado en literatura infantil, representaron o seu “Conta pinta contos”.

Finalmente, quedou inaugurada a exposición situada na entrada ao teatro, composta polos traballos realizados polos cativos. Trátase de nove carteis achegados polos alumnos de Verducido, Cabanas, A Xunqueira II, Príncipe Felipe, Parada, Marcos da Portela, A Carballeira, San Bieito de Lérez e Marcón.

18 de decembro de 2012 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.