Os concellos da Coruña non achegarán ao Plan da Deputación
Segundo explicou Diego Calvo, e dentro da política implantada polo goberno provincial para axudar aos concellos en difícil situación económica, a achega municipal pasará a ser agora “totalmente voluntaria”. Ademais, no caso de que existiran baixas na licitación nas obras, estas aplicaríanse en primeiro lugar á achega municipal (sempre que a houbera), ata a súa anulación.
“Deste xeito, damos un paso máis para botar unha man aos municipios que o están a pasar mal. Anulando esa achega municipal, facemos posible que todos os concellos da provincia poidan entrar no POS cos mesmos criterios obxectivos que funcionaban ata agora pero ningún deles quedará sen obras por non ser quen de facer a súa achega”, matizou Calvo.
Tamén na sesión plenaria desta mañá deuse luz verde a unha nova fase do DTC, o novo plan provincial creado este ano e dotado con máis de 24 millóns de euros. Neste caso, aprobáronse as propostas dos concellos de Culleredo, Cedeira, Ferrol, Mugardos, Cariño, Coristanco Mazaricos e Teo. En total, nesta terceira anualidade destínanse 2.414.554,88 euros para obras, dos cales preto de 1,1 millóns utilizaranse para axudar a pagar o gasto corrente dos concellos











