Os alumnos da Escola de Música protagonizan “O Musical de Ana”
A Escola Municipal de Música Bernardo del Río entra por vez primeira no xénero do musical co novo proxecto que se vai a estrear en Nadal. Douscentos cincuenta alumnos intervirán en “O Musical de Ana”, o espectáculo que se estreará no Auditorio o xoves, 20 de decembro, e no que toda a comunidade educativa leva tres meses traballando.
Moitas horas de traballo e moito esforzo é o que están a facer profesores, pais e nais e alumnos da Escola de Música para poder sacar adiante este ambicioso musical con só tres meses de preparación, cando o normal, segundo explicou o director do centro, é que a organización dun espectáculo deste calibre se prolongase durante todo o curso.
“O Musical de Ana” é unha obra italiana, con música e libreto, que os profesores da Escola tiveron que encargarse de traducir e de realizar as adaptacións dos temas musicais ao nivel dos alumnos e dos instrumentos que se imparten na escola. Os educandos serán os únicos protagonistas, xa que ademais dos 17 que actúan como actores, con papel con letra e cancións, os demais encargaranse de interpretar a música en rigoroso directo.
A dirección musical e interpretativa corresponde aos profesores, mentres que varios pais e nais da asociación “Atril” colaboran no espectáculo efectuando labores de vestiario, venta de entradas e recollida de entradas, como acomodadores do público e tamén para axudar tras as bambalinas durante o desenvolvemento do espectáculo, organizando as nenos e nenas nos camerinos, dándolles as saídas ao escenario e demais. A parte de decorados e escenografía corre a cargo de Pepe Álvarez, que tamén colabora desinteresadamente nesta posta en escena.
As entradas para presenciar o primeiro musical da Escola de Música véndense no propio centro a 3 euros para adultos e 1 euros para nenos de ata 8 anos. O director da escola, Jesús Nogueira, explicou que o cobro da entrada ten como único obxectivo financiar os custos do espectáculo, xa que é preciso contratar un equipo de son e tamén se lles dará a merenda a todos os alumnos que interveñen no musical. Non obstante, o director comentou que o centro non permitirá que algunha familia deixe de asistir ao espectáculo por problema económicos. Por iso reservaranse entradas para aquelas familias que o precisen e que deben dirixirse á secretaría do centro.
Sinopse
O Musical de Ana conta a historia de Ana, unha nena que non fala, e que a través da súa relación coa música, aprende a expresarse, tanto falando como cantando e tocando un instrumentos. A historia conta as relacións de Ana cos seus compañeiros da escola, coa súa mellor amiga, e tamén coa súa peor inimiga.











