Obradoiro de terapia con 12 menores vítimas de violencia de xénero
O Centro de Información ás Mulleres de Verín está a realizar, durante estas dúas xornadas, un obradoiro de terapia ocupacional para 12 menores vítimas de violencia de xénero.
A violencia de xénero afecta de xeito directo ás ocupacións da vida diaria (educación, traballo, xogo, tempo libre, participación social). Unhas áreas recoñecidas polo Marco de Traballo para a práctica de Terapia Ocupacional, e no que a OMS recoñece que o desequilibrio destas áreas ocupacionais afectaría de xeito directo a saúde das persoas; e no caso dos/as menores que sofren a violencia de maneira directa ou indirecta poden ver alterado a súa saúde así como o seu desenvolvemento evolutivo.
Por este motivo, esta iniciativa, financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade, ten como finalidade restablecer as ocupacións dos e das menores vítimas da violencia de xénero, utilizando como medio de intervención as artes plásticas para lograr a máxima independencia e autonomía; así como un bo equilibrio ocupacional, (facendo especial fincapé na participación social e na educación) necesario para gozar dun estado óptimo de saúde. É dicir, os principais obxectivos da mesma son: eliminar riscos cognitivos relacionados coa violencia e eliminar estereotipos de xénero, expresión de sentimentos para eliminar a posibilidade dun “embotamento afectivo”, normalización do problema, estimulación cognitiva (atención, concentración, razoamento), resolución de problemas e toma de decisións, traballar a capacidade de autocontrol e a frustración, traballar habilidades sociais que permitan unha boa integración có seu grupo de iguais e a súa comunidade e importancia do traballo en equipo.
A mesma está dividida en dúas sesións de noventa minutos nas que se realizan actividades tipo ‘collage’, murais e outras manuais que engloban as artes plásticas; e que ademais de estar enfocadas cara ao lúdico, participación, cooperación e comunicación, levan consigo unha reflexión acerca da situación vivida por estes/as menores, así como de problemas que poidan xurdir.











