A Coruña acolle as II Xornadas nacionais do deporte escolar
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, avanzou hoxe que o fomento da actividade física no ámbito escolar ocupará a “máxima atención” do Plan Galicia Saudable na presente lexislatura. Así o asegurou esta mañá na Coruña, onde pronunciou a conferencia inaugural das II Xornadas técnicas nacionais do deporte en idade escolar. Na súa intervención, Lete Lasa lembrou que os escolares galegos teñen un nivel de sedentarismo moi alto, o que, dixo, “supón un verdadeiro risco para a súa saúde”. Explicou que unha cuarta parte da poboación galega de entre 2 e 17 anos ten exceso de peso e que o 80% dos menores de 16 anos realizan unha actividade física insuficiente para ter un bo estado de saúde.
Ante esta situación, o secretario xeral para o Deporte incidiu en que o fomento da actividade física no eido educativo é dicir, “Galicia Saudable en e para os escolares galegos”, ten como obxectivo garantir que todas as persoas en idade escolar teñan a posibilidade de realizan unha actividade física maior en cantidade e en calidade, que lles permita desfrutar dunha mellor saúde, combatendo así os problemas derivados do sedentarismo e contribuíndo, en última instancia, ao seu desenvolvemento integral.
Neste comedido, Lete Lasa considerou fundamental o papel realizado polos centros escolares, “entorno natural e lugar ideal –dixo-, para promover a actividade física e para empregala como eixe fundamental dun estilo de vida saudable entre os nosos mozos”.
Atendendo a este escenario de actuación, os centros educativos, a Secretaría Xeral para o Deporte utilizou o programa Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como porta de entrada do Galicia Saudable nos centros escolares. Así, baixo o seu paraugas, o Plan Galicia Saudable púxose en marcha con tres programas destinados, todos eles, a que os escolares galegos practiquen máis e mellor actividade física.
Proxecto deportivo de centro, Máis e mellor actividade física e Xogade
Trátase, segundo expuxo Lete Lasa, dos programas Proxecto deportivo de centro, Máis e mellor actividade física e Xogade. Así, o primeiro deles, o Proxecto deportivo de centro, arrancou este ano a través da creación da Unidade de Promoción de Exercicio Saudable naqueles institutos de educación secundaria que se inscribiron no programa. O proxecto concrétase na redacción dun instrumento consensuado, dinámico, operativo e con visión de futuro do que se dota á comunidade educativa a partir da análise da realidade dentro do seu contorno, para adecuar e amplificar a oferta e a xestión dos recursos dispoñibles para os alumnos, dentro e fóra do horario lectivo, e máis alá dos muros do seu centro escolar. Deste xeito, cada IES actúa como dinamizador deportivo, aproveitando ao máximo os recursos existentes na zona de influencia e favorecendo o acceso dos seus escolares aos mesmos.
O segundo dos programas no ámbito educativo, Máis e mellor actividade física, consiste no incremento dunha hora á semana de actividade física, a través do traballo conxunto dos contidos transversais das áreas de Educación física e Coñecemento do medio natural, social e cultural nos centros públicos de educación primaria. Segundo explicou o secretario xeral para o Deporte, esta iniciativa suporá que o profesor de Educación física teña unha hora máis de carga lectiva semanal que compartirá cunha hora de Coñecemento do medio dentro do seu propio horario, e onde tratarán de formar dinámica de contidos comúns relativos á mellora da saúde a través do exercicio físico, logrando así, unha melloría da condición física saudable e facilitando a adquisición de hábitos de vida máis activos.
Por último, está o programa “xa consolidado”, Xogade, iniciado no curso 2009/2010, que medra cada ano en actividades ofertadas e en participación, combinándose en todas as súas edicións un programa deportivo-competitivo coas actividades lúdicas e as formativas.
Ademais, Xogade xorde este ano cunha novidade, o Móvete +, actividade que basada nunha composición musical e coreográfica orixinal difundirá entre a comunidade educativa os principais valores do Galicia Saudable, a través do seu desenvolvemento nos tempos de ocio escolar, como os recreos, antes ou despois do comedor, ou a espera das actividades extracurriculares.











