O orzamento de 2013 céntrase na atención ás políticas sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizLocal
A-
A+

O Orzamento municipal do Concello de Allariz para o vindeiro ano 2013, presentado hoxe polo Alcalde Francisco García, continúa dando prioridade a dous grandes obxectivos: a dinamización económica e xeración de emprego e atención e prioridade no gasto en políticas sociais así como ós servizos públicos municipais entendidos como elementos fundamentais na calidade de vida dos veciños e veciñas.

Para favorecer a dinamización económica de Allariz, o concello manterá unha política de apoio ós sectores produtivos mediante o reforzo da capacidade de atracción comercial, turística e empresarial da vila.

A oferta de eventos e promoción económica e proxectos de posta en valor dos produtos alaricanos, que se manteñen durante o ano 2013, como o Festival Internacional de Xardíns, a oferta municipal de Outlets, as Feiras de produtos e as programacións culturais, deportivas, festivas, permitirán incrementar o número de visitas e iniciativas económicas.

A cifra de ingresos ascende a 5.311.300€ (redúcense un 10,90% con respecto ó ano 2012) e os gastos a 4.841.329€ (un 18,78% menos que no ano anterior).

O orzamento contempla a redución de transferencias da Xunta de Galicia para o financiamento de programa de contratación de persoal; o que obriga ó concello de Allariz a facer un esforzo económico importante para manter o emprego priorizando os programas asistenciais e o mantemento do emprego en detrimento dos capítulos de inversión.

A redución de gasto continúa un ano mais en moitos programas e servizo municipais procurando facer fronte ó incremento da tarifa do subministro eléctrico ou o gasto en gasóleos…

O capítulo de inversións redúcese de xeito significativo. Non obstante, permitirá, co 12,8% do orzamento total, executar as obras priorizadas no mesmo.

“Estamos diante dunha situación de grave crise económica” Un contexto no que, segundo explica o rexedor nacionalista “o orzamento municipal trata de manter os avances de transformación económica e social que se levaron a cabo en Allariz co proxecto municipal”.

18 de decembro de 2012 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.