Alba Piñeiro, do CEIP de Rubiáns, ilustra o cartel da Cabalgata de Reis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

Debuxo gañador

A Cabalgata de Reis de 2013 xa ten cartel. O debuxo que o ilustrará será o realizado pola alumna do CEIP de Rubiáns, Alba Piñeiro Lago, gañadora do concurso escolar organizado pola Concellería de Cultura e a comisión veciñal organizadora da Cabalgata. O fallo do xurado douse a coñecer nun acto celebrado esta tarde no Auditorio e no que tamén se fixo entrega do premio, accésit e diplomas a todos os finalistas. Uns pallasos animaron o acto.

Aparte do debuxo gañador, o xurado tamén destacou dous traballos máis aos que lles concedeu accésits. Foron os realizados por María García García, do CEIP A Escardia, e por Sara Paz Recouso, alumna da Escola Unitaria de Aralde-Sobrán. Estes dous debuxos utilizaranse para ilustrar o anverso das tarxetas que se editan cada ano co plano do percorrido da Cabalgata.

A gañadora recibiu como premio un maletín de pinturas acrílicas mais un cabalete, e as merecedoras do accésit unha caixa de acuarelas. As tres levaron un diploma acreditativo dos seus premios ao igual que os restantes finalistas. Estes foron Mariña Vilas Pedrido, Manuel Diz Portas, Anxo Charlín Chazo, Andrea Patiño Rey, Damián García Abuín, Alexandra Imparato Charlín, Luis Noya Casal, Noa Portas Mosquera, Patricio Serqueiro Álvarez, Cheno Jiménez Camachos e Patricia Ríos Abuín.

Todos eles recolleron os seus premios no acto que contou coa presenza dos concelleiros de Cultura, Francisco González, e de Educación, Rocío Llovo, así como de diversos membros da comisión veciñal organizadora da Cabalgata. O acto contou cun espectáculo de pallasos do que puideron gozar todos os concursantes e as persoas que acudiron á entrega dos premios.

18 de decembro de 2012 | 12:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.