Andrés Ramos, Escudería Lalín-Deza e Antonio Riera, “Lalinenses do Ano”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal
A-
A+

O xurado dos premios “Lalinense do ano 2012”, reunido na noite do mércores, decideu outorgar as distincións de este ano ao crego Andrés Ramos Castro, á Escudería Lalín Deza e a Antonio Riera que recibirán o premio no Concerto de Fin de Ano da Banda de Lalín, que se celebrará o vindeiro 30 de decembro no Salón Tuno Valdés do Auditorio Municipal.

O xurado presidido polo alcalde de Lalín, José Crespo, no que actuou como secretario César López Arribas, e que contou como vogais á concelleira de Cultura, María Álvarez Paz; Chus García, secretaria técnica da AED; o empresario Florentino Cacheda; Julio López, en representación da Asociación para a Protección de Anciáns de Lalín e Comarca (APALC); José Quintá Iglesias, representante do Padroado Cultural; Daniel González Alén, cronista de Lalín; Francisco Javier Benito Prieto, Delegado de La Voz de Galicia Lalín; Xosé Isidro Barco Cortizo, Director de DEZTV; Gumer Portas López, Director de Radio Lalín; Ruben González, directivo do Clube Balonmán Lalín; Antonio Rodríguez Trotiño, presidente da Escudería Lalín-Deza; Armindo Salgueiro Pájaro, pintor e José Luis Taboada Areán “Cheíto”, músico debatiron ao longo de dúas horas todas as candidaaturas nas distintas categorías: Individual, Colectivo e Toda unha vida e que propuxeron todos os medios de comunación local e diversos colectivos do eido social, deportivo e cultural.

CATEGORÍA INDIVIDUAL

Na categoría individual, o xurado elixeu por unanimidade de todos os membros ao crego Andrés Ramos que celebrou as súas vodas de plata como cura, precisamente na xornada de onte con sendos oficios relixiosos en Madrid. O xurado premiou á continúa labor de Ramos na difusión de Lalín e dos lalinenses e a axuda a todos os lalinenses que necesitaron da súa colaboración na capital do Estado. O xurado tamén recoñeceu a súa labor como figura eclesiástica dos galegos en Madrid e 25 anos que se culminaron este ano

COLECTIVOS

Na categoría de colectivos, a elexida foi a candidatura da Escudería Lalín-Deza entre o amplo elenco de candidatos presentados. O xurado recoñeceu a gran temporada da escudería que foi campeona galega de rallis e a organizadora dalgunhas das probas máis exitosas da tempada. O xurado tamén quixo recoñecer unha ampla traxectoria durante as dúas últimas décadas na organización de eventos deportivos relacionados co motor e na difusión dun deporte que no concello e na comarca ten un gran número de adeptos. Ademais neste ano foi nomeada pola Federación Galega de Motos como a mellor escudería de Galicia.

TODA UNHA VIDA

Por último, nunha elección marcada por candidatos cun perfil moi humano e de ampla repercusión social, o xurado elixiu a Antonio Riera para o premio de Toda Unha vida. Os membros do equipo elector, recoñeceron a amplísima e desinteresada labor realizada ao longo de moitos anos de Riera, que entre outras cousas, foi un dos creadores dos campamentos de verán do Concello de Lalín, dos impulsores de Cáritas en Lalín, durante anos foi catequista na Igrexa, foi un dos creadores da Escola de Atletismo e neste ano foi un dos impulsores do colectivo O Mencer para axudar ás persoas máis necesitadas.

26 de decembro de 2012 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.