Obtención dunha subvención de 42.000 euros para drogodependencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense vén de acadar unha subvención por parte do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para desenvolver programas de prevención das drogodependencias na cidade. A axuda, por un importe total de 42.000 euros, procede dos fondos decomisados por tráfico de drogas e outros delictos relacionados, que o Ministerio destina a esta finalidade, en aplicación da Lei estatal 17/2003.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá aceptar dita subvención. Con ela, a Concellería de Saúde acometerá dende a vindeira primavera unha nova edición, que será a terceira, do programa de actividades saudables para mozos OciOurense, que xa se desenvolvera con éxito de participación e resultados nos anos 2011 e 2012. Unha iniciativa coa que se pretende reforzar a protección dos rapaces fronte ao consumo de drogas, e proporcionar alternativas saudables para o seu tempo de lecer.

O Concello de Ourense comprométese, pola súa banda, a achegar outros 18.060 euros con cargo aos orzamentos municipais, co que o presuposto total das accións a desenvolver no marco do programa ascenderá a 60.200 euros.

Os obxectivos do programa OciOurense son promocionar a sáude dende o ambito municipal, previr situacións de risco, instalar e modificar pautas de ocio que fomenten o desenvolvemento persoal e a creatividade e ofrecer espazos públicos e actividades para un ocio activo e positivo.

O programa pretende así reforzar a protección dos rapaces fronte ao consumo de drogas e tratar de remitir os seus danos, promovendo actividades saudables e proporcionando ós mozos e mozas da cidade unha alternativa para pasar a fin de semana, cunha ampla oferta cultural, lúdica e formativa, dirixida a mozos de 15 a 30 anos, que se desenvolve en diferentes espazos públicos da cidade.

A oferta, na súa edición de 2012 incluiu actividades como BTT, Parkour, cociña, xogos tradicionais, sendeirismo urbano, patinaxe nocturna, escalada, baile ou obradoiros de cócteles sen alcol.

Apoio ao comedor social que xestiona o Concello

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e NOVACAIXAGALICIA de colaboración no servizo de comedor social que presta o Concello. O acordo establece a colaboración entre o Concello de Ourense, como administración que presta o servizo de comedor social dirixido a transeúntes e persoas e familias en situación de vulnerabilidade social, e NOVACAIXAGALICIA, no ámbito da súa Obra Benéfico-Social, co seu denominado Fondo Solidario, que ten como obxectivo xenérico apoiar a cobertura de necesidades básicas de persoas e familias galegas afectadas pola crise.

Nel se inclúe unha liña específica de apoio aos comedores sociais de Galicia. A través do convenio de colaboración aprobado esta mañá pola Xunta de Goberno Local, NOVACAIXAGALICIA entregará ao Concello a suma de 10.000 euros para colaborar no funcionamento deste servizo municipal.

Novo concurso do servizo eléctrico

A Xunta de Goberno Local acordou tamén a incoación dun novo expediente de contratación da subministración de enerxía eléctrica do Concello de Ourense. O procedemento previamente aberto para a contratación deste expediente foi declarado deserto, ao presentarse unha única empresa ao concurso -Unión Fenosa Comercial, S.L.-, e non cumprir un dos puntos estipulados no prego de cláusulas técnicas, xa que ofertaba un prezo superior á base de licitación no bloque “subministración en baixa tensión con potencia contratada inferior a 10 kw”.

O obxectivo do Concello é mellorar as condicións do contrato actual, condición que non se cumpría coa única oferta recibida. Así, o Concello inicia un novo expediente de contratación, solicitando directamente orzamento ás empresas do sector, co fin de acadar o máximo aforro posible no referido ao contrato en cuestión.

O concurso inclúe o suministro de enerxía eléctrica para as instalacións do Concello: edificios municipais, rede de iluminación pública (máis de 20.000 puntos de luz), semáforos e outras infraestruturas titulariedade do Concello.

Os suministros de enerxía de baixa e media tensión distribúense en 3 bloques, que suman un total de 707 suministros cunha potencia total de 8.305,72 kW e 20.910.134 kWh. A duración do contrato será dun ano, prorrogable a otro, cun valor anual de 2.623.019,60 euros máis IVA.

18 de decembro de 2012 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.