O Concello e a Xunta Mellorarán o Entorno do Cruceiro de Lestón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha e a Xunta de Galicia financiarán o proxecto dirixido a acondicionar o entorno do cruceiro de Lestón, situado nas inmediacións do centro sociocultural de As Rañeiras.

A actuación está valorada en 25.600 euros, dos cales o 85% serán aportados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural con cargo á convocatoria de subvencións para a posta en marcha de proxectos dinamizadores de áreas rurais, que se cofinanciará a través do fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural FEADER no marco do PDR Galicia 2007-2013. O anuncio foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) este mércores.

A obra que promove o Concello da Laracha consiste na creación dunha zona axardinada no entorno do cruceiro e ten por prioridade protexer este elemento do patrimonio histórico municipal do tráfico rodado, xa que está emprazado no cruce que, por un lado, comunica a AC-552 co núcleo de Centulle e, ademais dá acceso cara a zona da Porta Santa pola vía municipal recentemente ampliada.

Así, o proxecto prevé que o tráfico cara a estrada AC-552 sexa desviado uns metros, contemplándose tamén a renovación do pavimento para facilitar o tránsito dos vehículos.

Deste xeito, ademais de mellorarse a seguridade para os vehículos e para o propio cruceiro, crearase unha nova área verde, beneficiando á estética dunha zona que é punto de encontro para os veciños da parroquia ao albergar o centro sociocultural das Rañeiras.

21 de decembro de 2012 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.