O Concello achégalles aos escolares o programa Maxia Potaxia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalO Grove
A-
A+

O Concello de Grove, a través das concellerías de Educación e de Participación Cidadá, pon en marcha a segunda edición do programa Maxia Potaxia, que pretende desenvolver a imaxinación e a creatividade do alumnado de infantil e primaria nos propios centros escolares. A través deste programa, o Mago Cali visitará o vindeiro mércores, 12 de decembro, os colexios Valle-Inclán, Nuestra Señora del Carmen e Monte da Vila, co obxectivo de que o alumnado destes tres centros gocen dun espectáculo artístico en directo e en grupo como antesala das vacacións de Nadal.

Así, preto de catrocentos alumnos e alumnas destes tres colexios terán a oportunidade de gozar dun espectáculo de maxia que mestura xogos, humor, sorpresas e, sobre todo, moita ilusión para a xente miúda. O curso pasado gozaron deste espectáculo os colexios Rosalía de Castro, Conmeniño e As Bizocas, polo que con esta edición se garante que todo o alumnado do Grove poida participar nesta actividade.

O Mago Cali foi durante dez anos compoñente do grupo de teatro afeccionado Do Vacío, dedicado á expresión corporal e á pantomima. Mago mimo na compañía de Nacho Otero, tamén estivo quince anos dedicado á maxia na especialidade de cartomaxia. Dende hai sete anos está dedicado enteiramente á maxia, coa creación dos espectáculos Maxia para soñar, Fantasía e Amancio Amigo.

Esta actividade forma parte da guía O Grove Educa, elaborada polo Concello do Grove, cuxo obxectivo é reunir nun só documento toda a información sobre a oferta municipal de actividades escolares para potenciar e facilitar a participación de toda a comunidade educativa da localidade. Tamén nesta guía se inclúe o XIV Concurso de Postais de Nadal organizado pola Concellería de Educación. Precisamente, mañá mércores é o último día para presentar os debuxos nos propios centros escolares ou na biblioteca municipal. Os debuxos deberán estar presentados nun folio DIN A4 e, de ser posible, totalmente debuxados. As obras deberán levar na parte posterior do folio o nome e os apelidos do/a participante, así como o curso e o centro educativo onde está matriculado/a.

O premio para o debuxo gañador será un lote de libros, material escolar e a súa publicación en forma de postal do Nadal dixital, que utilizará o Concello do Grove para realizar as felicitacións oficiais do Nadal. Todos os debuxos participantes serán expostos na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a partir do mércores 12 de decembro. O ditame do xurado darase a coñecer o sábado 15 de decembro e a entrega de premios será o venres 21, antes dunha sesión de monicreques de Nadal, na mesma Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.

14 de decembro de 2012 | 20:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.