O banco de tapóns do Baixo Miño logra 6 toneladas de plástico
O Banco de Tapóns do Baixo Miño celebrou o día 22 de decembro, o evento “Seleccionamos para Alma”, Alma Gil Souto, unha nena viguesa de catro anos, que padece unha enfermidade dexenerativa que lle impide andar, falar e sosterse soa nunha cadeira ou para tomar un baño.
Para lograr o obxectivo, puxéronse mans á obra máis de cento vinte persoas, que seleccionaron durante toda a mañá un total de seis toneladas de tapóns, que se enviaron á empresa “Reserplas”, de O Porriño.
“A nosa intención é que Alma poida disfrutar das cadeiras e do comunicador que necesita nestas festas, e para iso contamos coa colaboración de todas estas persoas”, explicou Jesús Angel Pazo, coordinador do banco de tapóns.
A selección levouse a cabo a partir das nove da mañá, nos novos locais cedidos polo Concello, moito máis grandes e cómodos que os anteriores.
A medio día, a comitiva de voluntarios e máis os nenos Alma (de Vigo), Alex (de Vigo) e Jessi (de Redondela), beneficiarios do banco de tapóns, e as súas familias, dirixéronse cara o Concello de Tomiño, onde foron recibidos pola alcaldesa, Sandra González Álvarez, quen agasallou aos tres nenos cun xoguete. Sobre a unha da tarde, chegou á Praza do Seixo, Papá Noel, acompañado por membros do Vespa Miñor Scooter Club, con caramelos para todos os nenos e nenas, e algúns regalos sorpresa.
Pero a sorpresa máis grande, estaba aínda por chegar: Alma e máis a súa familia, recibiron emocionados, das mans de Papá Noel, dúas cadeiras especiais que axudarán á nena a estar erguida mentres come, xoga ou se baña, gañando moita calidade de vida.











