O Apalpador estrea a programación de Nadal
A concellaría de Cultura preparou un completo calendario de actividades para as festas do Nadal que xa comeza este xoves coa chegada do Apalpador á casa da Cultura. Títeres Cachirulo contará cos seus monicreques a historia deste persoeiro da nosa tradición. Será a partir das 19.00h con entradas ao prezo de 5 euros e 2,5 para menores de 18 anos e maiores de 65. Pero esta non será a única vez que o vexamos. O venres entre as 17.00 e as 20.00h volverá á casa da Cultura para apalparlles a barriga aos nenos e nenas que participen na festa infantil de Nadal preparada polo Concello. O sábado tamén estará en Naraío dentro das actividades do Nadal na lareira que organiza a asociación de veciños.
Toda a programación das festas do Nadal pode descargarse desde aquí en formato pdf. Xunto coas actividades relacionadas co Apalpador tamén permanece aberta a exposición dos cadros do pazo da marquesa no convento do Rosario e a de tallas e gravados de madeira de Carlos Lamas na casa da Cultura.
No apartado musical destaca o concerto vocal que se ofrecerá no convento do Rosario o venres día 21 a partir das 20.30h coa participación da Coral polifónica de Ortigueira, o Coro de San Sadurniño e o Grupo de música antiga que repasarán a música do Nadal a través dos tempos con pezas clásicas e panxoliñas.
A música e o Apalpador xuntaranse o sábado en Naraío. Ese día a Asociación de veciños O Castelo organiza o seu Nadal na lareira coa colaboración do Concello a través das liñas de axuda a entidades para actividades culturais. A partir das 18.00h a compañía Ghazafelhos Teatro representará a obra Non é país para cabaleiros. Despois chegará o Apalpador e entregaranse os premios do concurso fotográfico Retrata o outono de Naraío. Serviranse callos a 2 euros a ración, haberá música con Segundo de Fontao e a noite rematará co ritual do Tizón do Nadal.
O teatro volve á casa da Cultura o mércores 26 ás 19.00h. con Contos da vía láctea. Unha obra para maiores de catro anos representada por Ni fu ni fa Animación. O prezo das entradas é de 3 euros ou 1,50 para menores de 18 anos e maiores de 65.
O ano 2013 estrearase cun obradoiro de elaboración de candeas e ornamentos do Nadal. Hai que apuntarse antes do 28 de decembro e o custe é de 6 euros por persoa. O obradoiro desenvolverase o 2, 3 e 4 de xaneiro entre as 11.00 e as 12.30 h. na casa da Cultura e hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición.
Os Reis Magos de Oriente pasarán por San Sadurniño o sábado, día 5, entre as 17.30 e as 19.30 h para tomar boa nota dos desexos das nenas e nenos -xoguetes na súa maioría- que se cumprirán nesa noite máxica.
A programación do Nadal complétase coas actuacións no Centro de Día do mestre da zanfona Óscar Fernández e os seus alumnos o día 26 ás 11.30h., e a do Coro de Lamas o día 3 a partir das 15.00h.











