O Alcalde reunirase con empresarios e traballadores do Parador
O futuro do Parador de Monforte continúa centrando a axenda do Alcalde, tal e como ven sucedendo nas derradeiras semanas.
Nesta ocasión, Severino Rodríguez reunirase co sector empresarial da cidade e con representantes dos traballadores do establecemento hoteleiro monfortino, reunión que se celebrará este xoves día 20 de decembro, na Casa do Concello ás 17:00 horas.
Integrantes da CEL, do CCU, de APEHL, do Consello Regulador da D.O Ribeira Sacra, dos adegueiros, e de LUGOSUR, así como os delegados sindicais do Parador de Monforte, asistirán a unha reunión na que o Alcalde explicará as actuacións que ten realizado en defensa do Parador de San Vicente do Pino e informará sobre a proposta que se debaterá no pleno extraordinario sobre o Parador que o rexedor convocará en vindeiras datas.
Severino Rodríguez considera que o sector empresarial da cidade, sobre todo aquel que ten unha forte vinculación co turismo, verase directamente afectado por calquera medida que vaia en detrimento do actual funcionamento do Parador. O Alcalde, convencido de que esta cuestión é un problema de todos, tamén quere coñecer cal é o posicionamento dos representantes do sector económico da cidade e as suxestións que poidan facer sobre os pasos a dar na defensa do Parador de Monforte.











