O alcalde de Ferrol convertirá o Raíña Sofía nun parque aberto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, deu a coñecer o novo proxecto de mellora da accesibilidade e posta en valor do parque municipal Raíña Sofía, unha actuación que cumpre “co dobre obxectivo de cumprir, primeiro, coa vontade deste goberno e da maioría dos grupos da Corporación Municipal, manifestada a través dunha moción plenaria; e tamén coas demandas da cidadanía e das entidades de veciños que viñan reclamando a necesidade de que o Raíña Sofía sexa un parque aberto”, resaltou o primeiro edil da cidade. A presentación da nova proposta de mellora deste recinto municipal tivo lugar no propio parque, en concreto, nas dependencias da Aula de Ecoloxía Ubana do Concello de Ferrol; e, ademais de Rey Varela, no acto participaron o concelleiro responsable da Área de Medio Ambiente e Urbanismo, Guillermo Evia Pérez, e o arquitecto autor da proposta de actuación, Gonzalo García.

Tras asistir as explicacións do autor do proxecto sobre o mesmo, que contaron co apoio visual dunha exposición de paneis que recrean a nova imaxe que terá o Raíña Sofía, o primeiro edil da cidade quixo felicitar ao titular de Medio Ambiente e Urbanismo polo traballo feito, que se axusta ás demandas dos veciños en canto a accesibilidade e ao traballo que o executivo local leva facendo dende o principio do mandato coa finalidade de poñer en valor este espazo público emblemático de Ferrol. “Este é un proxecto de todos, de goberno e de veciños, que permitirá ter un parque Raíña Sofía aberto á cidade, e converterá este lugar situado en pleno corazón de Ferrol, e pulmón verde da cidade nun verdadeiro punto de encontro”, destacou Rey Varela. Nesta liña, o alcalde apuntou que as obras de mellora do parque “porán en contacto e darán continuidade aos barrios históricos de A Magdalena e Ferrol Vello”. “Iniciamos hoxe unha das actuacións máis importantes de transformación urbanística da cidade, que devolverá ao parque Raíña Sofía o esplendor que tivo antano”, afirmou Rey Varela.

Pola súa banda, Gonzalo García, arquitecto do estudio ”Arqub 27” e autor da proposta, subliñou o acerto que tivo o goberno municipal ao encargar unha intervención fundamentada na necesidade de abrir o parque á cidadanía. Así, detallou que a actuación prevista mellorará con creces a accesibilidade ao recinto verde, creando novos puntos de entrada e saída dende diversas rúas como a María, Espartero ou Imeldo Corral. “O Raíña Sofía será o verdadeiro pulmón verde de Ferrol e, a intervención proposta, funcionará como invitación aos cidadáns a utilizar o parque como lugar de encontro e tamén de tránsito para pasear dende o barrio da Magdalena até a zona portuaria”, explicou.

Actuacións de rehabilitación e posta en valor

A intervención proposta potencia elementos interesantes do Raíña Sofía. Neste sentido, se rehabilitará a porta de entrada principal ao recinto –que quedará aberta, sen reixas, e aos seus lados se colocarán grandes letras co nome do parque; se porá en valor un treito do muro que rodea o parque xerando un corredor con lugares de estancia –mediante a instalación de bancos- e de circulación de persoas; construirase unha rampla na rúa Breogán para acceder ao recinto; e en Espartero, xéranse unhas escalinatas que porán en contacto Ferrol Vello co porto. Así mesmo, en Imeldo Corral recuperarase un pórtico antigo de cantería que fará de novo acceso.

O investimento previsto para acometer esta actuación, que se enmarca no programa Urban financiado en parte con fondos europeos, é de 450.000 euros e o prazo de execución previsto será de ao redor de 9 meses. Así as cousas, o novo Parque Raíña Sofía estará a plena disposición dos veciños/as de Ferrol no ano 2014; aínda que no tempo que duren os traballos –que se executarán por fases- o recinto seguirá aberto para o seu uso.

19 de decembro de 2012 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.