O alcalde de Ferrol defende a viabilidade do recinto hoteleiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, mantivo o luns, día 17 de decembro,unha reunión en Madrid coa presidenta e conselleira de Paradores de Turismo de España S.A, Ángeles Alarcó, a quen lle trasladou a preocupación existente na cidade naval polo futuro dun “establecemento emblemático para Ferrol, dada a súa historia, o emprego e a actividade inducida que xera”.

Así, Rey Varela aproveitou a entrevista coa máxima responsable de Paradores España para defender a viabilidade e as novas oportunidades de negocio que ten o Parador de Ferrol, ao tempo que manifestou o seu convencemento de que o recinto hoteleiro ferrolán pode ser rendible tanto social como economicamente. Ao respecto, o rexedor municipal insistiu en que dentro da rede de Paradores de España, o de Ferrol presenta uns números que “para nada xustifican un posible peche, senón todo o contrario, sinalan que é posible garantir a continuidade do mesmo”. “Paradores de España é unha empresa pública e o interese de toda persoa responsable, máis no actual momento de dificultades económicas, é que non xere perdas; e o Parador de Ferrol non é en ningún caso un lastre para as arcas públicas”, apuntou Rey Varela.

Nesta liña de propoñer solucións que afiancen o Parador de Ferrol, o primeiro edil da cidade propuxo a Ángeles Alarcó, a posibilidade de que o establecemento poida facer uso de parte dos Xardíns de San Francisco –os situados na parte traseira do Parador- para novas liñas de actividade e negocio. Esta oferta enmárcase no proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar”, que contempla a rehabilitación e posta en valor do entorno e baixos da Costa de Mella; e, segundo afirmou Rey Varela tras a entrevista, a máxima responsable de Paradores España a acolleu de maneira satisfactoria. “O obxectivo deste alcalde é manter a viabilidade do Parador de Ferrol e evitar o seu peche, unha preocupación e un interese de continuidade do emblemático establecemento hoteleiro que compartimos todos os ferroláns”, sinalou Rey Varela. E ao fío disto, o alcalde de Ferrol dixo que “vista a receptividade da presidenta de Paradores, hoxe, dentro da prudencia que sempre é aconsellable, son optimista sobre o futuro do Parador de Ferrol”.

Negociacións laborais

Neste contexto de garantir a viabilidade do Parador ferrolán, Rey Varela manifestou a súa confianza en que as negociacións laborais abertas entre a dirección de Paradores e os representantes dos traballadores cheguen a bo fin, reiterando que o complexo hoteleiro de Ferrol “é un elemento fundamental para a dinamización económica e do sector de servizos da cidade, por tratarse dunha das iconas turísticas de Ferrol e comarca”.

Ao respecto, o alcalde de Ferrol enmarcou o Parador local dentro da estratexia turística emprendida polo actual goberno municipal, que está a centrar os seus esforzos nesta materia en dúas grandes actividades, como son: a Ruta da Construción Naval, e, en colaboración coa Autoridade Portuaria, na potenciación de Ferrol como porto destino de cruceiros. “Dentro da nosa estratexia turística, o Parador de Ferrol é un factor clave e de grande valor estratéxico”, manifestou Rey Varela.

19 de decembro de 2012 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.