Moldes exhibe no Centro Cultural as súas “Congostras de pintura”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

Instante da presentación

O pintor Manolo Moldes (Pontevedra 1949) inaugurou no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense a exposición “Congostras de pintura”, na que o artista que integrou no seu día o movemento renovador da plástica galega Atlántica amosa unha selección da súa obra correspondente á última década.

Moldes recoñeceu na presentación aos medios que sempre se moveu entre “a figuración e a abstracción, como dous camiños paralelos que sempre me conducen ao mesmo lugar” e que tanto unha maneira como outra xurden de xeito natural ao enfrontarse ao cadro.

Fixo memoria sobre a súa primeira exposición en Ourense, no ano 1975, no Ateneno da cidade e dixo que “aínda que de outra maneira, agora volvo nun momento difícil como aquel, nun momento complicado socialmente e o pintor é tamén un ser que reflexiona sobre o que o rodea”, reflexión á que vencellou varios dos seus traballos.

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, fixo referencia ao amplo programa cultural do centro “Marcos Valcárcel” da Deputación ao longo do ano e ao peche das actividades deste exercicio cunha exposición de tan alto nivel como esta, que demostra que “a Deputación está a prol da cultura, realizando un notable esforzo para manter tan altos estandares de calidade”.

O director do Centro, Francisco González, aludíu á dimensión da exposición (dúas salas, pezas de máis de seis metros e preto dun centro de traballos). Tamén agradeceu a confianza do artista no Centro Cultural e na Deputación, así como a axuda da consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A exposición poderá visitarse ate o día 3 de marzo.

26 de decembro de 2012 | 11:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.