Melide súmase á iniciativa solidaria cun Rastrillo solidario
Trátase dunha iniciativa pioneira en Melide que vincula esforzos por parte da administración local dende a concellaría de Igualdade e Benestar e Cáritas Parroquial.
Os comercios de Melide doan de maneira totalmente gratuíta os produtos que serán postos a venda no rastrillo, de maneira que todo o que se recade irá destinado a Cáritas Parroquial de Melide, podendo axudar desta maneira a aquelas familias que nestas datas sinaladas o están a pasar realmente mal.
O rastrillo ten como vantaxe fundamental que os clientes poderán adquirir produtos a baixo prezo, coa mesma calidade que se os adquirisen de maneira comercial nun establecemento da vila co obxectivo de vender o maior número de útiles posibles e doar integramente o recadado a Cartas.
A oferta de produtos é moi ampla, hai produtos que van dende alimentación, panadarías, perfumerías, zapatarías, roupa, xoguetes, bebidas, menaxe, xoias, bonos de beleza para perruquerías, estética, tinturerías entre outros moitos. Todo isto estará amenizado cun chocolate con biscoito adquirido a un prezo simbólico para amenizar o rastrillo, e contribuír a combater o frío neste tempo de inverno.
Esta iniciativa ponse en marcha debido a que se parte do feito de que as administracións públicas deben apoiar iniciativas solidarias como esta para que persoas con dificultades económicas poidan alcanzar unha mellor situación grazas as axudas de organizacións como Cáritas e outras moitas.
Dende o Concello de Melide convídase a que todas aquelas persoas que nesta data se atopen en Melide se acheguen ata a Praza do Convento e se solidaricen coa causa mercando algún dos produtos que alí se expoñan sabendo que están a contribuír a felicidade dunha familia aportando o seu grao de area.











