Maiores e pequenos celebran o II Encontro Interxeracional de Tomiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTomiño
A-
A+

Participantes na actividade

A Concellaría de Benestar Social do Concello de Tomiño, a través do Departamento de Educación Familiar, celebrou onte o II Encontro Interxeracional, coa presenza de medio centenar de participantes, entre persoas do programa de maiores, por unha parte, e alumnado das alulas de Vilameán, Estás e Forcadela do Colexio Rural Agrupado (CRA), por outra.

Ambos colectivos, maiores e pequenos, traballaron xuntos na Casa da Cultura de Tomiño, na confección de centros de Nadal, con velas vermellas en forma de pera, piñas, follas secas e verdes, cáscaras de noces, etc. A compenetración entre eles foi realmente notable e, en moitos casos, parecían membros da mesma familia. Foi o caso de Paula e Javi, da aula de Estás, que fixeron traballos a base de musgo decorado con brillantina, coa axuda de Consuelo Torres, usuaria do programa de maiores. “Esto é moi bo para nós, estar en contacto cos nenos e sentirse útil”, aseguraba coas mans cheas de pegamento. Un caso parecido foi o de Perfecta Sousa, de Vilar, que traballou man a man con varios nenos de 4 anos.

Noutra mesa, Orita e Rosa cantaban cancións tradicionais galegas e panxoliñas, rodeadas de xente nova e compañeiros do programa de maiores.

Ao encontro tamén asistiron Michel, Arón, Jose e Adri, catro estudantes de ESO do IES de Tomiño, a educadora familiar Isabel Ayán e os concelleiros de Benestar Social e Cultura, Jesús Montero e Cristina Rodríguez, respectivamente.

Montero explicou que dende a Concellaría de Benestar Social consideran importante que as distintas xeracións do concello non perdan o contacto, xa que hai moitas cousas que poden aprender unhas das outras.

18 de decembro de 2012 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.