Inscrición nos obradoiros de escrita creativa e lectura dramatizada
A concellaría de Cultura, a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, organizou tres obradoiros de escrita creativa e lectura dramatizada, que se desenvolverán os días 26, 27 e 28 de decembro no Pazo da Peregrina no marco da programación de Nadal 2012. Estas actividades, que serán impartidas polos escritores/as Ledicia Costas, Pere Tobaruela e María Solar, están organizadas en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX). Os rapaces e rapazas que participen nestes obradoiros recibirán un libro de agasallo. As prazas son limitadas polo que é importante inscribirse antes do 21 de decembro. Para elo hai que chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo electrónico á dirección normalizacion@concellodeames.org
O Concello de Ames en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) organizou para a próxima semana tres obradoiros de escrita creativa e lectura dramatizada, que están dirixidos á mocidade amiense. Estas actividades teñen como obxectivo achegar aos rapaces e rapazas ao mundo da lectura e da escrita dunha forma alternativa e mellorando as súas habilidades comunicativas. Ademais, preténdese mellorar a capacidade expresiva dos mozos e mozas na nosa lingua. Dun xeito lúdico e atractivo trataranse diferentes técnicas para afrontar a escrita e a redacción de textos, da man de escritores e escritoras consolidados.
O mércores 26 realizarase o obradoiro de escrita creativa coa escritora Ledicia Costas, que está dirixido aos rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos. Os e as adolescentes reflexionarán a través da escrita sobre o acoso na rede, a violencia entre iguais… O día seguinte, o xoves 27, será a quenda dos nenos e nenas de 10 a 12 anos. O escritor Pere Tobaruela impartirá outro obradoiro de escrita creativa no que os rapaces e rapazas achegaranse á lectura a través de diferentes técnicas de escrita. Para o venres, 28 de decembro, queda o obradoiro de lectura compartida e dramatizada do libro, que imparte a escritora María Solar. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 4 a 6 anos. Neste obradoiro traballarase co libro Vou ter un irmán, da editorial Galaxia.
Os obradoiros de Ledicia Costas e Pere Tobaruela impartiranse en horario de 17:00 h a 19:00 horas, polo que terán unha duración de 2 horas. A lectura dramatizada con María Solar durará arredor de 30 minutos e realizaranse en tres pases: ás 17:00, ás 17:30 e ás 18:00 horas. Estas actividades desenvolveranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Todos e todas as participantes nos obradoiros levarán un libro de agasallo.
Para participar nalgún destes obradoiros hai que inscribirse antes do 21 de decembro no teléfono 981 884 991 (das 9:00 h ás 14:00 horas) ou a través do correo electrónico normalizacion@concellodeames.org. As prazas son limitadas.











