I Carreira Solidaria San Silvestre no concello de Salvaterra
Dentro da programación de Nadal que presenta o Concello de Salvaterra, este ano inclúese unha novidade, unha carreira solidaria que busca a recaudación de alimentos non perecedeiros que irán destinados ao Banco de Alimentos Municipal, e que se une a outras iniciativas de recollida que se están levando acabo nestas datas de nadal.
Dende Servicios Sociais lévase anos traballando con este programa de banco de alimentos, para que as persoas que por diferentes circunstancias están pasando por un mal momento teñan cuberta unha necesidade tan básica como é a alimentación, sobre todo familias onde hai persoas maiores ou nenos, que son os máis vulnerables, con entregas mensuais de alimentos.
Invitamos a todos os nosos veciños e a todos aqueles que queiran pasar unha mañán diferente, facendo deporte e axudando a quen o necesita, a que veña a participar con nos o día 29/12/2012 ás 12.00h na praza do Concello.











