Espazos das familias felicítanos o Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

As mamás, os papás, as nenas e os nenos que participan no programa municipal Espazos das familias queren felicitarlle o Nadal a todo o mundo e fano dun xeito ben curioso: cunha árbore feita con obxectos de refugallo. Caixas de ovos, papeis de cores e pinturas servíronlles para compoñer a súa felicitación ao tempo que nos mandan unha mensaxe sobre a importancia da reciclaxe e a reutilización.

Espazos das familias é un proxecto inscrito no programa municipal de educación familiar que recolle o testemuño do desaparecido Preescolar na casa. Nel participan familias con nenos e nenas de entre 0 e 3 anos.

Os encontros que se desenvolven cada quince días son unha oportunidade de compartir o descubrimento do mundo canda os nenos e tamén unha oportunidade de aprender técnicas educativas que lles axuden a medrar dun xeito integral.

Espazos das familias ten moito de xogo e de relación entre as persoas. De aí que todas as actividades que se propoñen implican un alto nivel de participación. O proxecto dura desde outubro ata maio e nel participan arredor dunha vintena de familias.

21 de decembro de 2012 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.