O pavillón de Lameiro-Arca abre unha etapa deportiva para o Pino
Na inauguración, o alcalde do Pino agradeceu a colaboración da Deputación provincial para o remate da construción do polideportivo e, dirixíndose a todos os veciños presentes no acto, asegurou que “estas grandes instalacións que vedes aquí son vosas, para que as gocedes e para que as coidedes”.
Pola súa banda, Diego Calvo, asegurou que a apertura do novo pavillón “abre unha nova etapa deportiva para o concello do Pino”.
A todos os mozos que asistiron á inauguración felicitounos polas “estupendas instalacións que agora tedes”. Ademais, asegurou que aínda que os tempos non son os mellores para grandes investimentos, “aquí no Pino si tedes un gran pavillón que poderán usar todos os veciños con independencia do deporte que practiquen”.
A Deputación da Coruña financiou o equipamento de mobiliario do centro, cunha achega de 35.000 euros, correspondentes ao 76,37% do orzamento total destinado para este fin, que ascende a 45.831,74 euros. Grazas a esta axuda provincial, o polideportivo conta co equipamento completo de dous vestiarios pequenos, catro de xogadores e un de árbitros, e un equipamento deportivo completado por canastas, aros, redes, porterías e os mecanismos de transporte precisos para o seu uso.
Ademais, a institución provincial tamén subministou 90.000 euros para a obra de urbanización da contorna do pavillón. A Deputación asumiu, así, o 94,74% do custe desta actuación, que serviu para mellorar a accesibilidade, seguridade e o aspecto de toda a infraestrutura.
Entre as obras realizadas para este fin atópanse a construción de beirarrúas na parte dianteira do pavillón, a construción da canalización de pluviais, os tubos precisos para a acometida eléctrica e a instalación de farois nas beirarrúas











