Curtis, Frades e Mesía inician un obradoiro de emprego conxunto
Os Concellos de Curtis, Frades e Mesía acaban de comezar o seu primeiro obradoiro de emprego conxunto, que suporá un investimento de 211.587 euros e que formará durante seis meses a 24 persoas destes municipios en dúas especialidades: a de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e a de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.
Ao acto de presentación, que tivo lugar na Casa da Cultura de Xanceda (Mesía), acudiron todos os alumnos/traballadores e o equipo directivo e técnico do obradoiro. Estivo presidido polos tres alcaldes: o de Curtis, Javier Caínzos, o de Frades, Roberto Rey, e o de Mesía, Mariano Iglesias. Os tres coincidiron en emprazar aos participantes a aproveitar esta iniciativa.
Así, Javier Caínzos explicoulles aos alumnos/traballadores que “sodes uns grandes afortunados” por formar parte do obradoiro de emprego, dadas as dificultades coas que se atopan as administracións para acometer iniciativas deste tipo. O primeiro edil de Curtis afirmou que “non é o obradoiro que preferiríamos”, xa que lles gustaría unha maior duración e un maior número de alumnos, pero tamén agarda que “non sexa o último” e que resulte útil para contribuír á loita contra o desemprego e para xerar iniciativas emprendedoras.
O alcalde de Frades pediulles aos participantes que se esforcen por “obter o maior aproveitamento posible” das clases teóricas e das sesións prácticas do obradoiro. Roberto Rey considerou tamén necesario que o equipo directivo e técnico “sexa respectado” e que os seis meses se desenvolvan “con toda a normalidade”. Na súa intervención, non quixo esquecer ao seu predecesor no cargo, Miguel Prado, porque “foi un partícipe imprescindible na consecución deste obradoiro”. Prado Patiño deixou a alcaldía por mor das pasadas eleccións autonómicas, nas que resultou elixido parlamentario autonómico.
Nesta mesma liña, o rexedor de Mesía tamén destacou o labor de Miguel Prado e indicou que “aínda que o noso Concello exerce como promotor e os de Curtis e Frades como entes colaboradores, son plenamente consciente de que sen eles este obradoiro non tería chegado a ser unha realidade”. Mariano Iglesias expuxo que para Mesía é o terceiro obradoiro, tras un en solitario en 2007 e outro xunto con Frades en 2011 e que “polo tanto somos afortunados porque poucos Concellos os obtiveron, a pesar de que os obradoiros de agora duran a metade que antes e a remuneración é menor”.
O proxecto
O obradoiro de emprego conta con oito alumnos/traballadores por cada municipio. O seu equipo técnico está integrado por seis persoas: un director, unha titora, un mestre de Formación Profesional, un mestre por cada unha das súas especialidades e un administrativo. As clases teóricas desenvólvense desde hoxe no antigo colexio de Lanzá (Mesía) e os traballos prácticos terán lugar en espazos públicos distribuídos polos tres municipios.
O obradoiro, no que o Concello de Mesía figura como promotor e os de Curtis e Frades como entiddes colaboradoras, é un exemplo de cooperación entre administracións locais gobernadas por distintas formacións políticas pero unidas polo desexo de mellorar as condicións de vida dos seus cidadáns, de ofrecerlles mellores servizos e de optimizar a calidade dos espazos públicos.











