Xornada de formación nos Tilos para a fase comarcal do Club de Debate
As redes sociais favorecen a comunicación e a relación entre as persoas. Este será o tema sobre o que traballarán os equipos de escolares que participen este ano na fase comarcal de Compostela do Club de Debate. Case 100 estudantes de institutos dos catro Concellos participarán na competición comarcal que se realizará en Ames a primeiros de abril. Este club é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que participan os Concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Santiago, Teo e Vigo. Esta iniciativa púxose en marcha durante o curso pasado impulsado dende os servizos de normalización lingüística municipais cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.
Na Comarca de Compostela xa se está traballando dende hai semanas e hoxe mesmo realizouse unha xornada de formación cos equipos anotados de Santiago, Ames, Rois e Teo na Casa Común dos Tilos. A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en traballar as técnicas de oralidade e habilidades sociais e comunicativas. A maiores diso abordáronse as técnicas de compilación e tratamento da información para enfrontarse a un tema de debate. O traballo cos case 100 estudantes que participaron nesta xornada de formación combinou o traballo máis regrado coas dinámicas de grupo, técnicas de rol, prácticas de comunicación non verbal…
A mañá rematou cunha simulación de debate por equipos. A Casa Común dos Tilos acolleu catro equipos dos centros composteláns IES Antonio Fraguas e do Colexio Compañía de María; catro equipos do IES de Ames; un equipo do CPI Plurilingüe dos Dices de Rois; un equipo do IES Macías o Namorado de Padrón, un equipo do IES Camilo José Cela tamén de Padrón e un equipo do IES de Cacheiras-Teo.
Esta actividade formativa servirá para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para mellorar as técnicas de debate de cara á fase comarcal que se celebrará en Bertamiráns (Ames) a primeiros de abril. Os equipos gañadores deste primeiro enfrontamento participarán na fase final que se celebrará en Santiago de Compostela o 4 de maio. O equipo gañador da fase galega conseguirá un premio dunha viaxe dunha fin de semana para 25 persoas.
A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato.











