Carlos Blanco garante “calidez” no espectáculo “CoraSons” en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O espectáculo “CoraSons” que estará en Teo este venres 21 e sábado 22 de decembro, é garantía de calidade e segundo explica Carlos Blanco tamén de “calidez”. Despois da experiencia deste concerto colectivo co corazón como fío conductor noutros lugares como Porto, Porriño ou Vilagarcía “en Teo garantizamos calidez” destaca Blanco.

O actor e veciño de Teo exerce de anfitrión e mestre de cerimonias neste encontro multicultural e multidisciplinar. CoraSons nace a partir das imaxes da fotógrafa portuguesa Isabel Leal de corazóns casuais na natureza. A partir daí xurde unha exposición e un concerto con cancións que falan do corazón. Carlos Blanco explicaba esta mañá, mentras os artistas ían chegando ó CSC da Ramallosa para facer un ensaio, que se cantarán “cancións do corasón, de Xoán Curiel, de Magín…”.

O espectáculo CoraSons “é un encontro entre amigos, entre linguas e entre culturas” explica o actor que ademais presenta o concerto. “A razón para este encontro é a amizade” explica Blanco para destacar que “esto non sería posible se non fose pola amizade e por unha lingua común, que nos permite reunirnos a angolanos, brasileiros, portugueses, galegos e entendernos perfectamente porque temos esa lingua común” destaca o artista. Este feito “é para celebrar e iso é o que facemos en CoraSons” continúa.

Este concerto é unha iniciativa viva na que os participantes tamén van cambiando xa que é “un espazo aberto”. Así teñen participado algúns músicos coma Fred Martins, Budiño e esta fin de semana en Teo contarán coa presenza dun destacado elenco de artistas. Estarán Uxía, Joâo Afonso, Couple Coffee, Magín Blanco, Najla Shami, Xoán Curiel, Tatán, Isabel Leal, Rui David, Manuel Salselas, Bruno Cardoso, Alfredo Teixeira, Ana Senlle, Chus Domínguez, Inês Salselas, Belén Cid, Sergio Tannus, Quiné, Serginho Sales, Pablo Vidal e contarán coa colaboración especial de María Pujalte e Ugia Pedreira.

Blanco tamén destaca “o multidisciplinar do asunto, xa que non só hai músicos profesionais que o son e boísimos se non que están unha cardióloga, un infartado, un actor, unha fotógrafa”. A amizade, como explicaba Carlos é o que permite “que se xunten todas estas disciplinas e o resultado vaise ver en Teo”.

Os concertos en Teo o venres e o sábado serán ás 22:30 horas no CSC da Ramallosa. As entradas teñen un custe de 8 euros se se merca anticipada e 10 euros no mesmo día. Xa se poden comprar no Café A Senra de Pontevea, na Cervecería A Santa Sede da Ramallosa ou no Pub Ultramarinos

21 de decembro de 2012 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.