Axenda cultural 21-30 de decembro
A compañía estradense MALASOMBRA estreará na vila a súa nova comedia titulada “SMOKE CITY”, as corais das parroquias de Arca, San Pedro de Ancorados, Santo André de Vea, San Xurxo de Vea, Curantes, San Xiao de Vea, Paradela, Sta Cristina de Vea, Moreira e Arnois celebran o tradicional Encontro de Coros Parroquiais, a carroza de Papanoel partirá do Campo de Fútbol da Baiuca levando ao insigne visitante por todas as rúas da vila….
VENRES 21, 21.00 H. (TEATRO PRINCIPAL)
Despois do éxito acadado con “GO ON” a compañía estradense MALASOMBRA estreará na vila a súa nova comedia titulada “SMOKE CITY”, un espectáculo deseñado en clave de cómic que xira en torno ao negocio da mafia do tabaco. Dirixida especialmente a público familiar e xuvenil, a peza promete unha hora chea de gargalladas. ENTRADA: 3´50 €
SÁBADO 22, 21.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
Novo pase de “SMOKE CITY”
DOMINGO 23, 18.00 H (IGREXA PARROQUIAL DA ESTRADA)
Como cada nadal, previo ao día de noiteboa, as corais das parroquias de Arca, San Pedro de Ancorados, Santo André de Vea, San Xurxo de Vea, Curantes, San Xiao de Vea, Paradela, Sta Cristina de Vea, Moreira e Arnois; celebran o tradicional Encontro de Coros Parroquiais. As panxoliñas e vilancicos serán as protagonistas dunha velada musical que ergue o pano das festas de nadal. ENTRADA: De balde.
LUNS 24, 18.00 H (RESIDENCIA 3ª IDADE)
ÁS 6 da tarde a carroza de Papanoel partirá do Campo de Fútbol da Baiuca levando ao insigne visitante por todas as rúas da vila. Coma todos os anos a recepción está fixada media hora máis tarde na Residencia da Terceira Idade. Todos os nenos que o desexen poderán achegarse para entregarlle en persoa a súa carta. Para acompañar a Papanoel na carroza, os nenos deberán anotarse na propia Residencia antes do luns 24 e presentarse sobre as 17.30 h da tarde no lugar de recollida.
MÉRCORES 26, 12.00 H. (TEATRO PRINCIPAL)
Despois da boa acollida de “Zapatos” e “Historia dunha semente”, Caramuxo Teatro presenta “Ñam”, un espectáculo envolvente creado a partir do mundo da cociña para ver, escoitar, ulir, sentir e saborear en familia. Polas características do espectáculo, público e actores, comparten o mesmo escenario. AFORO LIMITADO A 100 PRAZAS. ENTRADA: 3.50€ / IDADE: 0-3 anos / DURACIÓN: 30 m
XOVES 27, 12.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
Unha araña e unha formiga viven tranquilas na paz do seu recuncho.
Até que un día aparece un animal misterioso… Berrobambán regresa ao territorio mudo, á linguaxe visual, ao humor sen palabras, e faino da man de BICHARADA, un espectáculo cheo de maxia e vistosidade. Os actores Paula Carballeira, Anabell Gago e Chiki Pereira forman un equipo de bichos de excepción. ENTRADA: 3.50€/ IDADE: Todos os públicos / DURACIÓN: 60 m
XOVES 27, 20.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
O Museo do Pobo Estradense Reimóndez Portela, presenta da man do xeu xerente D. Juan Andrés Fernández, o volume XV da súa “Miscelánea histórica cultural” unha ventá aberta ao mundo para a difusión e coñecemento da historia, a xeografía, as artes, os traballos, e a vida cotiá da vila da Estrada. ENTRADA: De balde / DURACIÓN: 70 m
VENRES 28, 12.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
“Babs” é unha experiencia máxica, concibida pola compañía BAOBAB TEATRO, para os bebés e a familia, onde os máis pequenos da casa poderán gozar con divertidos personaxes, formas, cores e volumes diversos, nunha peza na que a tenrura é protagonista. ENTRADA: 3.50€ / IDADE: 0-6 anos / DURACIÓN: 40 m
VENRES 28, 21.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
Como cada ano, a Agrupación de Veteranos do Estradense organiza unha gala benéfica a favor do deporte e de Cáritas Parroquial na que poderemos disfrutar das actuacións de dous dos mellores narradores orais galegos: Celso de Lalín e Cándido Pazó serán os encargados de poñer as gargalladas neste acto solidario. ENTRADA: 5€ / IDADE: Todos os públicos / DURACIÓN: 75m
SÁBADO 29, 12.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
Un tendedeiro en equilibrio, seis instrumentos interpretados ao vivo: guitarra eléctrica, guitarra portuguesa, acordeón… e ata Peter punk se atreve coa armónica! Un salto ao baleiro en miniciclo e a Chungatrona: unha máquina de rebeldía pallasa. Eses son só algúns dos elementos desta novidosa proposta teatral que traerá ao Teatro Principal a PETER PUNK, un dos mellores clowns galegos. ENTRADA: 3.50€ / IDADE: Todos os públicos / DURACIÓN: 60 m
SÁBADO 29, 21.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
Como cada nadal por estas datas, a Coral Polifónica Estradense, acompañada pola Coral Polifónica de Soutomaior e pola Banda Municipal da Estrada, despedirá o ano cun repertorio composto por música de nadal. Unha velada da que poderán disfrutar todos os estradenses afeccionados á música coral. ENTRADA: De balde / DURACIÓN: 90 m
DOMINGO 30, 12.00 H (TEATRO PRINCIPAL)
“MAGIA POTAGIA” é un espectáculo de maxia de salón onde o Mago Romarís -un dos magos galegos máis recoñecidos dentro e fóra da comunidade- nos presenta una recopilación dos seus mellores números, algúns de creación propia. Un espectáculo para disfrutar en familia que servirá para pechar o ciclo “Nadal no Teatro”. ENTRADA: 3.50€ / IDADE: Todos os públicos / DURACIÓN: 60 m.











