As persoas asociadas ó Banco de Tempo realizarán un “Troco de Nadal”

Participantes na actividade
O Banco de Tempo de Monforte de Lemos proponlle os seus socios e socias a celebración dun Nadal máis sustentable e solidario.
Como xa se fixo co Intercambio Colectivo de Calceta, búscase darlle solucións ós agasallos que se fan nestas datas dunha maneira alternativa ó consumismo desmedido e irresponsable. Por iso, neste mes de decembro organízase unha actividade nova para o Banco de Tempo de Monforte, pero que xa ten moita tradición noutros bancos de tempo: O TROCO ENTRE AS PERSOAS ASOCIADAS.
Para o TROCO DE NADAL pódense levar todo tipo de obxectos: libros, roupa, obxectos de decoración e incluso excedentes de alimentos de produción caseira (ovos, produtos da horta, etc.). Todos serán valorados dunha forma simbólica (non monetaria) e intercambiados entre as persoas que cheguen a un acordo.
Esta actividade realizarase mañá mércores, día 19 de decembro, no Salón de Actos da Casa da Cultura, entre as 17:00 e as 19:00 h.
Para máis información sobre o TROCO DE NADAL ou sobre o funcionamento do Banco de Tempo pódese acudir á Oficina do Centro de Información á Muller, na rúa Ricardo Quiroga (detrás da Praza de Abastos), ou chamar ó teléfono 982 41 63 50.











