Actividades de Nadal da Asociación Cultural “O Pasatempo”
Durante o mes de decembro a asociación cultural “O Pasatempo” quere recordar a historia de Mondoñedo e as súas xentes e ó mesmo tempo mirar cara ó futuro a través da ollada dos xoves creadores.
Durante o Nadal, todos aqueles que queiran, poderán disfrutar de dúas actividades que serán totalmente gratuítas: unha exposición sobre a historia do fútbol en Mondoñedo, e a proxeccións e estrea de varias curtametraxes.
Ponse en marcha a “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” que se desenvolverá en dúas xornadas, os domingos 23 e 30 de decembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Mondoñedo a partir das 8 da tarde. Nesta xornada proxectaranse dez curtametraxes, cinco cada día de entre 5 e 20 minutos, sobre diferentes temáticas.
Os proxectos audiovisuais están realizados por xoves creadores de Mondoñedo e outros lugares de Galicia. O domingo 23 poderase ver o documental “Ferro Ardendo”, “Para Mariñeiros nós”, “Servicio a Domicilio”, “Paixón por Ferrol” e “La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa”.
O segundo día, domingo día 30 de decembro proxectaranse “Houston”, “Sin Plomo”, “Pantin Classic”, “X nada” e “Lugnasad. Unha noite máxica”. Asistir a calquera destas proxeccións serán gratuíto.
Dentro desta “I Xornada de Curtametraxes O Pasatempo” o sábado 29 de decembro producirase a gran estrea en Mondoñedo da curtametraxe “Mr Smith & Mrs Wesson”, de Alejandro Saavedra. Este filme está protagonizado polos actores Octavi Pujades e Camila Bossa e conta ademais coa aparición doutras caras moi coñecidas do mundo audiovisual galego como Luis Iglesia ou María Mera. Acción e intriga garantizadas nesta estrea que terá lugar ás 20:30 no Auditorio de Mondoñedo.
As entradas terán un prezo de 2 euros e poderán adquirirse ese mesmo día no auditorio ou anticipadamente nos bares ‘O Porriño’ e ‘O Rincón’ de Mondoñedo.
Por outra banda, O Pasatempo bota a vista atrás no tempo para recoller a historia do fútbol en Mondoñedo a través de imaxes. A exposición “A Historia do Fútbol en Mondoñedo” poderase visitar na Casa da Cultura durante dúas fins de semana, os días 22, 23 e 24 e os días 29, 30 e 31 en horario de 11 a 13 horas pola mañá e de 16 a 19 horas pola tarde. Arredor dun cento de fotografías retratan o paso a paixón polo fútbol na cidade mindoniense, dende os anos vinte ata a actualidade.
No primeiro momento recórdanse as formacións esporádicas dun equipo que participaba en festas e torneos e que chegou a converterse no actual clube de fútbol estable da actualidade, con categorías inferiores e participación na liga regular.
A entrada a esta exposición é gratuíta e permite facer un recorrido histórico por rostros coñecidos e recordos compartidos por todos, non só en Mondoñedo, senón no resto da Mariña.
Convidámolos a todos a achegarse e compartir con nós tódalas actividades que O Pasatempo preparou para este Nadal.











