A Xunta pon á venda catro vivendas de protección oficial no municipio
O Instituto Galego de Vivenda e Solo comunicou ao Concello que vén de poñer en venta catro vivendas protexidas no municipio. Trátase de pisos construídos no seu día a través da promoción pública, que foron adxudicados e habitados con anterioridade e que, por razóns diversas, quedaron baleiros e volven á bolsa de vivenda da Xunta. Trátase de tres pisos sitos na Rúa Celso Emilio Ferreiro e un apartamento na Rúa Fermín Bouza Brey. Os interesados en adquirilas deben solicitado ante o IGVS.
As tres vivendas dispoñibles na Rúa Celso Emilio Ferreiro sitúanse en diferentes portais dos bloques construídos no seu día a través da promoción pública. O primeiro deles é un quinto piso con 3 habitacións, unha superficie de 74 metros cadrados e que ten un prezo de 50.062,11 euros. A segunda das vivendas tamén dispón de 3 habitacións, aínda que conta con menos superficie, 64 metros cadrados, sendo o seu prezo 43.296, 96 euros. O último dos pisos en venta en Celso Emilio Ferreiro é un apartamento de 54 metros cadrados, situado nun segundo andar e con 54 metros cadrados de superficie. O seu prezo é de 36.531,81 euros. As tres vivendas dispoñen de rocho.
Por último, o apartamento que se oferta na Rúa Fermín Bouza Brey ten 42.11 metros cadrados e unha única habitación, sendo o seu prezo 30.722.40 euros. Conta con rocho e praza de garaxe.
Requisitos
O proceso de selección de adquirentes destas vivendas en segunda ou posteriores transmisións xa está aberto. As persoas interesadas en comprar algún destes pisos teñen que cumprir certos requisitos, como ser titulares dunha unidade familiar, estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia e carecer de vivenda en calidade de propietario, agás excepcións como que téndoa, esta se atope en situación de inhabitabilidade, estar suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable ao interesado, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda, ou se atopen en calquera das situacións excepcionais previstas na Lei de Vivenda.
Dado que os pisos de promoción pública e de protección oficial véndense a prezos inferiores aos de mercado por estar destinados a garantir o acceso a unha vivenda digna por parte dos cidadáns con menores recursos económicos, outro dos requisitos que deben cumprir os demandantes é ter uns ingresos ponderados por unidade familiar non superiores ao 2,5 do IPREM (18.637,85 euros).
Nas bases da convocatoria elaboradas polo IGVS tamén se especifica que non poderán acceder a estas vivendas aquelas persoas que xa foran titulares dunha vivenda de promoción pública e a perdesen como consecuencia dun desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVE ou a alleasen por calquera causa, a excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados. Tampouco poderán beneficiarse deste proceso de venta as persoas que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre os bens inmobles, que teñan valor catastral superior a 30.000 euros.
Envío de solicitudes e información
Os interesados deberán remitir as súas solicitudes a Área Provincial do IGVS, Rúa Alcalde Hevia, nº7 (36071 – Pontevedra), facendo constar os datos persoais e o número de credencial asignado á unidade familiar no rexistro Único de demandantes de Vivenda de Galicia. O formulario de solicitude (Solicitude de Amosar Interese) pódese atopar na web http://igvs.xunta.es/permanenteSegundaTransmision.html
Ademais, poderán solicitar máis información nos teléfonos do IGVS 986 80 52 97 (Autorización de Venda de Vivenda) e no 986 80 53 14 (Rexistro de Demandantes de Vivenda).











