A Laracha xa Forma Parte do Plan de Transporte Metropolitano
O Concello da Laracha forma parte desde esta mañá do Plan de Transporte Metropolitano da área da Coruña. O Alcalde, José Manuel López Varela, e o Director Xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, rubricaron o convenio a través do cal a Xunta de Galicia e o propio municipio subvencionarán parte do custe do billete de autobús e ofrecerán outras bonificacións aos usuarios deste medio de transporte público.
Do mesmo xeito que o Concello da Laracha, tamén asinou o acordo hoxe o Alcalde de Oza dos Ríos, Pablo González. O municipio de Cerceda cumprirá este trámite o próximo luns, polo que en total serán 13 os concellos integrados no Plan de Transporte Metropolitano desta área: os tres citados e os que xa formaban parte do mesmo, que son A Coruña, Arteixo, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
Miguel Rodríguez Bugarín adiantou que nun prazo dun mes os usuarios residentes na Laracha poderán comezar a beneficiarse das vantaxes. A Xunta deberá completar antes unha serie de actuacións dirixidas a acometer os necesarios axustes técnicos relativos ás tarxetas, que serán distribuídas nas oficinas de Novagalicia Banco da Laracha e de Paiosaco, e das máquinas canceladoras coas que estarán equipadas os propios autobuses, que serán adaptadas para que, automaticamente, se apliquen os descontos correspondentes para cada caso.
O Director Xeral de Mobilidade afirmou que, por termo medio, o aforro no prezo do billete para os usuarios da tarxeta do transporte metropolitano será dun 40%, aplicándose un desconto adicional do 15% no caso de que unha persoa realice máis de 40 viaxes nun mes. Ademais, terán dereito a tres transbordos nos buses urbanos da cidade da Coruña, dos cales o primeiro será subvencionado integramente pola Xunta de Galicia e, os dous seguintes, polo Concello da Coruña. Con estes datos, para unha persoa que resida na Laracha e que viaxe diariamente á cidade herculina, o aforro anual podería alcanzar os 600 euros.
Rodríguez Bugarín, que mostrou o seu agradecemento aos concellos xa que a integración no programa debe ser por iniciativa municipal, ofreceu datos salientables sobre o éxito do Plan de Transporte Metropolitano afirmando que, desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2011, o número de viaxes en buses interurbanos se incrementou nun 44%, foron bonificados pola Xunta de Galicia un total de 1.650.000 transbordos e se rexistraron 13.000 operacións de devolución do 15% por viaxeiros que realizaron 40 viaxes nun mes, unhas cifras que, segundo dixo, animan ao seu departamento a seguir avanzando e introducindo novos concellos no Plan para potenciar o transporte público.
José Manuel López Varela, Alcalde da Laracha, cualificou a sinatura do convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello como un “acordo histórico”, porque vai supoñer un “importante e directo aforro económico” para moitas persoas residentes no municipio.
A estimación é que o Concello da Laracha deberá aportar anualmente 11.200 euros por formar parte deste Plan de Transporte Metropolitano da área da Coruña, cantidade que, segundo o rexedor municipal, se investirá “na promoción do transporte público nun momento no que utilizar os vehículos particulares é cada vez máis caro”.
A coordinación entre a Xunta de Galicia e os concellos da área da Coruña do Plan de Transporte Metropolitano, entre os que xa se atopa A Laracha, ten por fundamentais obxectivos fomentar a mobilidade sostible e mellorar a competitividade do sistema de transporte público de viaxeiros.











